A Consellería de Cultura e Educación e a Fundación Menela colaborarán na atención ao alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA)
Román Rodríguez e o director xeral da fundación, Cipriano Luís Jiménez Casas, asinaron hoxe un convenio de cooperación educativa a través do que o persoal desta entidade poderá prestar apoio nos centros de ensino
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o director xeral da Fundación Menela, Cipriano Luís Jiménez Casas; asinaron hoxe un convenio de cooperación educativa para colaborar na atención do alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), ou con calquera outra síndrome ou trastorno relacionado. Deste xeito afóndase na liña de actuación que está a desenvolver o departamento educativo da Xunta neste sentido, que ten o seu fito clave na publicación do Protocolo de tratamento educativo do alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do sistema educativo galego, un documento elaborado conxuntamente coas asociacións e colectivos implicados nesta diversidade, dada a importancia do traballo en común para acadar o maior éxito escolar posible destes estudantes.
Ao abeiro deste convenio ambas as partes promoverán a sensibilización e a difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con TEA. Así mesmo, a Consellería impulsará a formación do profesorado nesta materia, de acordo coa fundación, cuxo persoal poderá tamén prestar apoio nos centros de ensino que conten con alumnado con estas necesidades especiais.
O apoio da Fundación Menela poderá artellarse tanto a través do asesoramento na atención educativa a estes estudantes, como na orientación sobre metodoloxías axeitadas á intervención educativa, ou da información e formación naqueles aspectos que o persoal dos centros docentes requira a este respecto.
Protocolo TEA
Como base deste apoio os centros de ensino e a Fundación Menela terán o Protocolo de tratamento educativo do alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), publicado este curso co fin de servir como ferramenta para guiar a actuación de profesionais do ensino e familias.
Deste xeito, o documento busca establecer o camiño que se debe seguir desde a aparición dos primeiros indicios e procura, tamén, orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que participan na educación dese alumnado. A tal fin, articúlase en diferentes epígrafes centrados no concepto do TEA (conforme co manual de trastornos mentais DSM-5), a diagnose do mesmo, o tratamento educativo do alumnado con este trastorno, e o proceso de seguimento e avaliación. Finalmente achégase un pequeno glosario de termos ou conceptos utilizados ao longo do documento, referencias bibliográficas e tres anexos con textos que poden servir de axuda como indicadores do trastorno, con probas específicas de screening e cun esquema que sintetiza ou orienta o percorrido que cómpre seguir ante a sospeita dun caso de TEA.