A Lei de Convivencia e Participación busca dignificar o labor docente, corresponsabilizar ás familias e mellorar o clima nas aulas
O conselleiro de Educación presentou hoxe o borrador do anteproxecto desta norma
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o secretario xeral de educación, Jesús Oitavén; presentaron hoxe o borrador do anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade educativa, un texto que, tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta, ten como obxectivo “crear e reforzar os instrumentos xurídicos que permitan acadar e manter un clima de convivencia, a través da restauración de certos valores e comportamentos e que, simultaneamente, dignifique a profesión docente”.
A Lei, explicou o conselleiro, recolle as aspiracións do profesorado de ver recoñecida debidamente a súa función pola sociedade e os poderes públicos. Deste xeito, serán considerados autoridade pública, e disporán protección xurídica e da presunción de veracidade necesaria para o mantemento da disciplina escolar. Ademais, estarán habilitados para requerir aos alumnos calquera substancia ou obxecto que porten e que non estea permitido polas normas do centro, ou sexa perigoso.
O texto, que Vázquez Abad cualificou de "innovador", ten como fin xerar un marco de convivencia que garanta o respecto nas aulas. Para iso, posibilitarase unha resposta xurídica inmediata e reeducadora a comportamentos que perturban un correcto clima nos centros educativos, introducindo ademais por primeira vez no plano lexislativo a figura do acoso con carácter preventivo e correctivo.
Doutra banda, a Lei busca instaurar a corresponsabilidade das familias a través da participación, polo que regulará tamén a consulta e a participación directa das familias no proceso educativo.
Dereitos e deberes
O articulado da Lei cuxo anteproxecto se presentou hoxe, e que será de aplicación nos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos, recolle tanto os dereitos como os deberes de alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos dos centros educativos (P.A.S.). O obxectivo é enuncialos para acadar un clima de respecto mutuo nas aulas, a través da comunicación entre pais nais e docentes, da participación directa das familias na comunidade educativa, e do respecto destas á autoridade do profesorado. Pola súa banda, tanto profesores como P.A.S. deberán colaborar activamente na prevención e corrección do acosos escolar, mantendo a disciplina no centro educativo.
En canto ás alumnas e alumnos, recoñéceselles o dereito a recibir formación integral, respecto a identidade e dignidade, protección fronte a agresións e acoso; e o deber de respectar a autoridade, as normas e aos compañeiros, e de facer un bo uso das instalacións.
Normas de convivencia
Outro dos fins desta Lei é o de establecer as normas básicas de convivencia e de respecto nos centros educativos. Así, recoñécese ao profesorado a condición de autoridade pública, coa protección xurídica que tal consideración implica, ademais da presunción de veracidade no exercicio das súas funcións nos centros de ensino. Asemade, os profesores quedarán habilitados para requisar obxectos, produtos ou substancias perigosas ou prohibidas polas normas do centro, dentro do recinto escolar e durante a realización de actividades complementarias e extraescolares. Doutra banda, as normas poderán conter previsións sobre o atuendo do alumnado, , que deberá ser axeitado para axeitadas para o desenvolvemento das actividades docentes. Esta regulación quedará a criterio da autonomía da cada centro, en función da situación socioeducativa do mesmo.
Tal e como explicou o conselleiro de Educación, a norma tipifica as condutas graves e leves contrarias á convivencia, as ,medidas correctoras das mesmas e o procedemento para a súa aplicación. Ademais, modernízase e esténdese o ámbito de aplicación disciplinaria ás condutas desenvolvidas a través das novas tecnoloxías; e á difusión por calquera medio de imaxes ou información que atenten contra o dereito á honra, a intimidade persoal e familiar e á propia imaxe dos demais membros da comunidade educativa. Non en balde, esta Lei aborda, por primeira vez no plano lexislativo español, o tratamento de situacións de acoso escolar.
Para garantir que os prazos de aplicación das medidas correctoras non afecten á convivencia en colexios e institutos, a Lei dotará de inmediatez ao procedemento de imposición das sancións, sempre nun réxime garantista e perseguindo o carácter reeducador das medidas correctoras aplicadas. Neste mesmo sentido, a norma inclúe gradación na tipificación das condutas, con atenuantes como o recoñecemento espontáneo e a reparación voluntaria; e agravantes como a intencionalidade, a difusión mediante medios electrónicos ou a vulnerabilidade da vítima.
Outra das novidades do texto é a incorporación aos plans de convivencia dos centros docentes de protocolos para a prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar. Ademais a dirección do centro poderá designar un responsable personalizadode atención á vítima, ou fixar unha mediación profesional no caso de que a situación presente unha gravidade especial.
Participación das familias
De acordo coas demandas da sociedade actual, a futura Lei regulará a participación das familias no proceso educativo, a través de mecanismos de consulta e participación directa. Así, habilítase expresamente á Administración educativa para que poida establecer os correspondentes procedementos dirixidos a facer efectiva a súa implicación no proceso educativo, empregando métodos telemáticos ou medios dos mesmos centros escolares.
En todo caso, o obxecto desta participación será sempre aspectos concreto do ensino, co que se garante a autonomía dos centro educativos en materia curricular e a liberdade docente e pedagóxica do profesorado.
Finalmente, o anteproxecto da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa promove medidas oportunas para garantir a axeitada protección e asistencia xurídica dos profesores dos centros docentes; ao uso xeneralizado nos mesmos de medios electrónicos de comunicación, finalmente para estreitar a colaboración entre nais, pais e docentes; así como un mandato para a adecuación dos horarios dos equipos directivos dos centros docentes ás funcións, tarefas e responsabilidades que derivan da aplicación desta lei, e os plans de accións formativas específicas para o profesorado.
Coa presentación deste anteproxecto de Lei, a Consellería de Educación dá resposta ás demandas tanto da sociedade como da comunidade educativa de fixa unhas pautas para acada un clima de convivencia nos centros escolares, velando ao tempo pola seguridade do alumnado no uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación.
A pesar de que outras Comunidades Autónomas teñen regulado parcialmente estes elementos, a Lei galega é máis ambiciosa, regulando integramente a materia da convivencia.