A Consellería de Educación e a Deputación de Pontevedra colaboran para prestar o servizo de comedor escolar no centro de educación especial

Ambas as entidades asinaron hoxe un convenio, do que se beneficiarán os 33 alumnos e alumnas do centro

Lun, 03/01/2011 - 17:15
o conselleiro de Educación e o presidente da Deputación
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad e o presidente da Deputación, Rafael Louzán

Un total de 33 alumnas e alumnos do Centro de Educación Especial Príncipe Felipe terán este curso servizo de comedor escolar grazas á colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación de Pontevedra. Para iso, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad; e o presidente da Deputación, Rafael Louzán; asinaron hoxe un convenio que terá vixencia durante todo este curso escolar.

Deste xeito, a Consellería farase responsable do importe dos menús das 33 alumnas e alumnos que se desprazan todos os días ata o centro en transporte escolar, debido á distancia que os separa dos seus fogares; e que teñen polo tanto dereito ao uso gratuíto do servizo de comedor.

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra é a responsable de prestar o servizo de comedor, que se sitúa na Residencia provincial Príncipe Felipe, nas inmediacións do propio centro. Do mesmo xeito, a Deputación será quen asuma o acompañamento por parte do persoal docente ata a Residencia, e a atención e o coidado dos alumnos comensais nas súas instalacións, poñendo a disposición do comedor dúas persoas para tal fin.

Con esta iniciativa, e malia a crise económica que obriga a xestionar coa maior eficiencia os recursos públicos, a Consellería de Educación pon de manifesto o seu compromiso coa diversidade de todo o alumnado galego. Ademais, o convenio asinado hoxe supón unha nova aposta polo comedor escolar, servizo fundamental para o alumnado transportado e que contribúe á conciliación da vida laboral e familiar.