O conselleiro de Cultura e Educación convida ao tecido empresarial galego a unir forzas coa Xunta para impulsar o uso da lingua galega en todos os eidos da sociedade
Román Rodríguez visitou hoxe a factoría de CLESA en Caldas de Reis, onde coñeceu a nova iniciativa promoción do uso do galego desde o tecido socioeconómico que esta compañía está a desenvolver, a través da actividade escolar ‘Da granxa á merenda’
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá a factoría de Clesa en Caldas de Reis, desde onde convidou ao tecido empresarial galego a unir forzas coa Xunta para impulsar o uso da lingua propia de Galicia en todos os ámbitos da sociedade. Neste sentido o conselleiro explicou que o seu departamento, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está a traballar na aprobación dun Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, un documento que foi elaborado e pactado cos empresarios e as asociacións que os representan e que está a piques de ser sometido á consideración do Consello da Xunta.
Neste sentido salientou o papel que compañías como Clesa están a desenvolver neste eido. De feito, na visita de hoxe o conselleiro e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tiveron a oportunidade de asistir a unha das actividades de promoción do uso do galego desde o ámbito socioeconómico que esta empresa desenvolve. Nela participaron 45 nenas e nenos de 8 anos do CPI de Progreso (Catoira) que, amais de visitaren parte das instalacións da fábrica, puideron gozar dun contacontos sobre o texto do libro ‘Da granxa á merenda’, editado por Clesa no marco das súas accións de responsabilidade social empresarial e do seu compromiso coa protección e o fomento do uso da lingua propia de Galicia.
Na súa visita a CLESA o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; polo conselleiro delegado de Cooperativas Lácteas ACOLAT, José Luis Antuña; polo conselleiro e presidente da Cooperativa de Melisanto, Pablo Costoya e polo xerente de CLESA, Pablo Gómez.
O galego nun ámbito de influencia clave
O obxectivo do Plan de Dinamización da Lingua Galega no tecido económico é incrementar a presenza do idioma propio de Galicia nas relacións empresariais e comerciais, un ámbito de influencia e prestixio, e que isto sirva de efecto multiplicador no resto da sociedade. Para iso, articúlase en 84 medidas para impulsar o uso do galego desde as 10 áreas que contempla o sector: hostalería, comercio, alimentación, TIC, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, área de traballo e cooperativismo.
Como base, o documento fundaméntase nas directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004), que para o sector cuarto (Economía) establece como obxectivos específicos crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais; e fomentar nos consumidores o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego.
‘Da granxa á merenda’
‘Da granxa á merenda é un volume editado por Clesa e dirixido a nenas e nenos, cun dobre obxectivo: poñer en valor o proceso de recollida e transformación do leite en produtos derivados e fomentar o uso da lingua propia de Galicia e da lectura en galego entre os máis novos.
Con texto e debuxos de ‘Polo correo do vento’, o conto narra a visita á factoría de Caldas de Reis dun grupo de nenas e nenos na coñecen de primeira man, por medio dun guía, as fases de produción dos iogures, desde a recollida do leite de aproximadamente 300 vacas de 11 cooperativas galegas xestionadas por 20.000 familias, ata a súa chegada aos puntos de venda.
O transporte do leite e dos iogures xa elaborados, a planta de procesado ou o laboratorio son outras das fases que ‘Da granxa á merenda’ lles dá a coñecer aos máis pequenos para que sexan conscientes da importancia do sector leiteiro en Galicia, así como das oportunidades que a innovación ofrece á hora de, por exemplo, elaborar produtos sen lactosa.