O novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia destinará 65 millóns de euros á investigación e transferencia no 2011
Os resultados, a capacidade investigadora e de innovación, a transferencia tecnolóxica son os eixos sobre os que as universidades traballarán para obter ingresos adicionais
O novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (2011-2015) destinará 65 millóns de euros á investigación no 2011 e nos programas relacionados con este eido iniciados nese exercicio, tales como os contratos programa.
Con este investimento confírmase a aposta pola I2=C, considerando a Universidade galega como un dos piares fundamentais da estratexia de desenvolvemento sostible da Xunta de Galicia, pola súa implicación nos procesos de innovación tecnolóxica a través de liñas de investigación, así como a súa capacidade de formación avanzada técnica, profesional, e en investigación.
Deste xeito, e cun Plan dinámico e flexible que busca fomentar a actividade investigadora e a procura de resultados por parte das universidades do SUG, o Goberno galego apoia a unha Universidade chamada a un dos actores principais para que Galicia sexa un lugar atractivo para as empresas tecnoloxicamente avanzadas e que desta forma, as galegas e os galegos poidan desenvolver o seu potencial laboral, creativo e innovador sen que se produza unha ‘fuga de cerebros’, que vén mermando o noso valioso capital humano.
O investimento do novo plan de financiamento para investigación será no 2011 dun 16,6% do total dos fondos, que se irá incrementando ata o 40% no 2015. Este incremento débese á necesidade de que as universidades galegas poidan cumprir as súas tres misión de maneira equilibrada. Como é sabido a primeira misión relativa á formación de profesionais e a que condiciona actualmente o reparto no plan de financiamento. AO longo do quinquenio irán incorporándose fondos vinculados a segunda e terceira misión, e dicir a investigación básica e aplicada, e a transferencia de coñecementos e tecnoloxía á sociedade.
Capacidade investigadora e mellora da calidade
Ata 4 dos fondos nos que se estrutura o novo Plan de Financiamento destinarán parte dos seus recursos preferentemente a actividades relacionadas coa I2=C. Desta forma, no apartado de financiamento estrutural resérvase unha subvención por capacidade investigadora, con dotación inicial no ano 2011 de 565.122 euros, que se centrará no apoio ás universidades que desenvolvan liñas de investigación consideradas nos eixos de actuación do Plan Estratéxico Galicia 2010-2014. A distribución destas contías realizarase mediante convocatorias competitivas entre as tres universidades. Ademais, a planificación contempla a incorporación de novas actuacións nesta subvención, segundo se vaian desenvolvendo sistemas precisos e homoxéneos de contabilidade dos custos directos das investigacións.
A partires dese exercicio, e ata o 2015 o reparto dese fondo vincularase ao cumprimento por parte das universidades dos compromisos incluídos nos planos de sustentabilidade do Plan de Financiamento, primando os criterios de eficiencia e eficacia na xestión económico-financeira, e as medidas que permitan compartir recursos entre as tres universidades galegas.
Así mesmo, formarán parte do Financiamento por mellora da calidade os recursos proporcionados ás universidades a través das distintas consellerías, entidades e organismos dependentes da Comunidade Autónoma.
Resultados
Co fin de superar as eivas da anterior planificación económica do SUG, o novo Plan dedica un apartado exclusivamente ao financiamento por resultados, subdividido en resultados, resultados por investigación e resultados por transferencia tecnolóxica.
A primeira destas categorías será a que albergue aos contratos programa individualizados que a Xunta de Galicia acordará con cada unha das universidades, 2 con cada unha delas, o primeiro nos anos 2011-2012, os segundos para o período 2013-2015. Nos anos 2011-2012 o crédito, que ascende a 19.005.940 euros, repartirase en función de criterios baseados no número de estudantes matriculados e nos ingresos medios por proxectos competitivos nos últimos 3 anos, en relación ao persoal docente e investigador de cada universidade.
Porén, nos anos 2013-2015 entrará en funcionamento a asignación en base á aplicación dos indicadores das áreas de acción. Nestes instrumentos de reparto recollerase a situación de partida e estableceranse os obxectivos de mellora de cada universidade para cada unha das seguintes áreas de acción: adaptación ás necesidades sociais, docencia, investigación, transferencia de tecnoloxía, proxección internacional, responsabilidade social, xestión, Campus de Lugo, Ferrol, Ourense e Pontevedra. As medicións dos resultados realizaranse aplicando indicadores asociados a cada unha das áreas. O importe deste fondo nestes anos será o equivalente ao 10% do total dos créditos destinados ao financiamento das universidades do SUG.
Respecto dos resultados directamente vinculados á investigación, este fondo destinarase ao desenvolvemento das liñas de acción establecidas no Plan Galego de I2=C, polas que se trata de promover a captación e o desenvolvemento de recursos humanos, definindo unha carreira científica que posibilite a formación e consolidación de investigadores nas universidades galegas, así como dispoñer dos recursos para reforzar a excelencia investigadora do SUG e lograr unha maior proxección internacional. Para estes créditos, tamén repartidos mediante fórmulas de concorrencia competitiva, haberá no exercicio 2011 38.011.995 euros.
No que toca á subvención por resultados de transferencia tecnolóxica, este fondo ten como obxectivo ordenar e potenciar os recursos e capacidades de investigación do SUG. Para iso, xa no 2011 haberá 7.210.313 euros para o apoio a dous eixos estratéxicos fundamentais: a consolidación dos grupos de investigación, e o desenvolvemento dun sistema integral de apoio á investigación nas universidades galegas; fondos que tamén se distribuirán mediante convocatorias en réxime de concorrencia competitiva.
Durante a vixencia do Plan a subvención por resultados evolucionará consonte ao índice que resulte de multiplicar por dous o crecemento do PIB nominal da Comunidade Autónoma en cada un dos anos; mentres que a subvención por resultados de investigación e de resultados de transferencia evolucionarán co resultado de sumar tres puntos ao crecemento do PIB nominal de Galicia en cada un dos anos.