O conselleiro de Cultura e Educación mantén unha xuntanza de traballo co CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos
Román Rodríguez visitou hoxe o colexio onde, a preguntas dos xornalistas, explicou que se levará a cabo unha das actuacións previstas dentro da partida asociada ao Fondo de Superávit de Responsabilidade A dita obra permitirá gañar espazo no centro, co fin de dar resposta ás necesidades de escolarización da zona e ás demandas do servizo de comedor
A dita obra permitirá gañar espazo no centro, co fin de dar resposta ás necesidades de escolarización da zona e ás demandas do servizo de comedor
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa comunidade educativa do CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos co fin de abordar as necesidades escolares do centro.
Posteriormente, e a preguntas dos xornalistas, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que neste colexio levarase a cabo unha das actuacións previstas dentro da partida asociada ao Fondo de Superávit de Responsabilidade, detallado este martes no Parlamento galego.
Investimento de 360.000 euros
Neste sentido, Román Rodríguez subliñou ante os medios presentes que a Xefatura Territorial de Pontevedra destinará 360.000 euros para construír un novo volume de aproximadamente 240 metros cadrados, que albergará un comedor e sala de usos múltiples, unha aula e dúas máis pequenas orientadas a desdobres. A actuación, por tanto, busca atender as necesidades de escolarización da zona e as demandas do servizo de comedor escolar.
En palabras do conselleiro, “estamos falando dunha obra que permitirá dar resposta ás altas demandas educativas do centro, desconxestionar os seus espazos e mellorar, en consecuencia, o benestar do alumnado e do profesorado”.
IES de Mos
Por outro lado, en resposta ás preguntas dos xornalistas, o conselleiro trasladou que o seu departamento tamén actuará no IES de Mos grazas aos recursos conseguidos a través do dito Fondo de Superávit de Responsabilidade. Neste caso, acometerase o peche perimetral e a reparación da cuberta e dos aleiros do centro, cun orzamento de 100.000 euros.
Declaración do conselleiro