O Consello Galego de Universidades informou favorablemente a modificación da denominación de varios centros da Universidade de Vigo

Ademais analizáronse as distintas posibilidades para organizar unhas Probas de Acceso á Universidade adaptadas ao Plan Bolonia

Mér, 29/12/2010 - 21:24

O Consello Galego de Universidades (CGU) informou hoxe favorablemente, na reunión do seu pleno, o cambio de denominación de varios centro da Universidade de Vigo, así como a creación dun novo centro por fusión de dous existentes.

Desta forma, a Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal,  a Escola Universitaria de Fisioterapia e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación pasarán a denominarse Escola de Enxeñaría Forestal, Facultade de Fisioterapia e Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, respectivamente. Ademais, deuse informe favorable á autorización dun novo centro, Escola de Enxeñería Industrial, por fusión das xa existentes Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais e Escola Universitaria de Enxeñaría Industrial.

Todas estas modificacións realizáronse por proposta dos centros implicados, co informe favorable do Consello Social, e proposta do Consello de Goberno da Universidade. Entre os motivos para estes cambios están a busca dunha maior eficiencia, racionalización e simplificación na utilización dos recursos da UVigo.

Doutra banda, o CGU analizou os calendarios escolares determinados polas distintas Comunidades Autónomas para a organización das Probas de Acceso á Universidade (PAU). O obxectivo é traballar para a organización dunhas probas no sistema educativo galego adaptadas ao Plan Bolonia. A consellería de Educación comprometeuse a levar a un próximo Consello propostas consensuadas en relación a este asunto.

Macrorrexión RSOE

O pleno do CGU designou hoxe tamén ao representante do Sistema Universitario de Galicia (SUG) na Comisión de Educación Universidade e Investigación da Macrorrexión de Rexión do Sudoeste Europeo (RSOE), que será o reitor da UVigo, Salustiano Mato. Esta macrorrexión, composta por Castela e León, Galicia e Norte de Portugal, comezará de inmediato o seu labor, liderada por Galicia.

Na reunión, celebrada no edificio de San Caetano estivo presente o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. Así mesmo estiveron os reitores de Vigo, Salustiano Mato; da Coruña, José María Barja, e de Santiago, Xoán Casares Long.

Xunto a eles asistiron ó CGU os presidentes dos consellos sociais das universidades, os representantes designados polo Parlamento, e o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego, José Eduardo López.