O ‘FalaRedes’ leva esta fin de semana ‘Os Bolechas van ás olimpíadas’ ata Fisterra, Oleiros e Carral

O programa que organiza a Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística busca dinamizar a lingua galega con espectáculos de calidade destinados ao tempo de lecer

Os coñecidos irmáns creados polo ilustrador Pepe Carreiro volven cunha función centrada no espírito olímpico e na participación da cativada

En todas as actividades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas

Ven, 03/06/2016 - 13:28
O ‘FalaRedes’ leva esta fin de semana ‘Os Bolechas van ás olimpíadas’ ata Fisterra, Oleiros e Carral

A Consellería de Cultura e Educación leva este fin de semana aos concellos de Fisterra, Oleiros e Carral as propostas de dinamización lingüística do programa 'FalaRedes', que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Nestes primeiros días de xuño, os protagonistas son os célebres Bolechas, que chegan cun espectáculo que leva por título ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’.

A familia animada máis famosa de Galicia darase cita mañá, sábado, coa xente miúda fe Fisterra, ás 18:30 horas no salón de actos do Casa do Concello. O domingo será a quenda das familias de Oleiros, que terán oportunidade de gozar dun pase de ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ nas Torres de Santa Cruz, ás 12:00 horas. Neste caso concreto, as portas do recinto abriranse media hora antes para recoller as entradas, que como en todas as actividades do ‘FalaRedes’ son libres e de balde ata completar a capacidade do espazo. Por último, ese mesmo día, pero á tarde (18:00 horas), Os Bolechas pasarán polo Local Xente Nova de Tabeaio (Carral).

O espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ está pensado para gozar en familia. Os seis famosos irmáns requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e deste xeito venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.

A participación promovida por esta actividade non se limita ao día do espectáculo, pois 'Os Bolechas van ás Olimpíadas' ten continuidade a través das novas tecnoloxías, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas.

Próximas citas: O Porriño, A Estrada, Cangas, Mondariz-Balneario, Moaña, O Grove e Redondela

A próxima fin de semana, a segunda do mes de xuño, vai ser especialmente axitada no ‘FalaRedes’. ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ e o espectáculo musical ‘Todo me fala de ti’ chegarán a seis localidades diferentes.

No caso dos Bolechas a primeira das funcións terá lugar o sábado, día 11 de xuño, no Porriño. A cita é no Círculo Recreativo Cultural (ás 12:30 horas). Ese mesmo día, á tarde, estarán na Sala de Cultura do Concello de Mondariz-Balneario (19:00 horas). Ao día seguinte, domingo, día 12, chegará a Moaña a función de ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ (Auditorio do Centro Castelao, 12:00 horas). Pola tarde pecharán a fin de semana en Redondela (Auditorio da Xunqueira, 19:00 horas).

Pola súa parte, o espectáculo ‘Todo me fala de ti’, unha homenaxe musical ao poeta Manuel María, con Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro enriba do escenario comezará a fin de semana o sábado, día 11, no Teatro Principal da Estrada (12:30 horas). Á tarde pasarán polo Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo (18:00 horas). E ao día seguinte, domingo, día 12, estarán no Grove. O concerto será ás 12:00 horas na rúa Pratería ou, en caso de que choiva, na Casa da Cultura.

‘FalaRedes 2016'

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. Todas as actividades son gratuítas e o acceso aos recintos é libre ata completar aforo.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Menús News node R