Política Lingüística e a EGAP impulsan a formación en galego do funcionariado cunha convocatoria de cursos para 270 prazas
A matrícula nos cursos de nivel superior de linguaxe administrativa galega está aberta desde hoxe e ata o 11 de xuño
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocan cinco novos cursos de formación en galego dirixidos a reforzar a capacitación lingüística do persoal ao servizo da Administración pública de Galicia.
Esta oferta formativa está destinada ao Persoal de Administración e Servizos (PAS) das universidades galegas, aos empregados públicos que presten servizos nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia e nas institucións públicas autonómicas que non poidan acceder ás convocatorias de formación continua, aos empregados públicos ao servizo das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia e aos empregados públicos destinados na Administración autonómica de Galicia.
Para acceder a un destes cinco cursos cómpre ter validado ou superado, na data de publicación da resolución, os cursos medios de linguaxe administrativa e xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes que se establecen no punto 2º do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 que os regula.
A inscrición, que se xestiona a través da zona de matrícula da EGAP está aberta desde hoxe ata as 14:00 horas do día 11 de xuño de 2016.
Oferta formativa con 270 prazas
A oferta formativa da nova convocatoria, publicada onte no Diario Oficial de Galicia, inclúe 270 prazas distribuídas en cinco cursos que, á súa vez, suman en total nove edicións ou quendas. Así, ofrécense sete cursos superiores de linguaxe administrativa galega na modalidade de teleformación e de dous na modalidade presencial (en Santiago de Compostela).
Todos eles contan con candansúas 30 prazas e desenvolveranse do 5 de setembro ao 6 de novembro, cun total de 75 horas de formación e cun exame final presencial na sede da EGAP que terá lugar os días 11 e 12 de novembro.
Plan de formación en linguaxes específicas do galego 2016
Esta convocatoria é a terceira de cursos de formación en linguaxe administrativa galega posta en marcha este ano, a segunda en colaboración coa EGAP, e encádrase no Plan de formación en linguaxes específicas do galego que programou a Secretaría Xeral de Política Lingüística para 2016.
No marco deste plan de formación incluíronse tamén cursos de linguaxe xurídica galega presenciais e en liña e dezasete cursos de nivel medio e superior de linguaxe administrativa galega convocados desde as escolas de idiomas, dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, nas que esto prevista convocar unha nova quenda que arrancará no mes de outubro.
Reforzar a capacitación lingüística en galego
Os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega están dirixidos a reforzar a capacitación lingüística en galego do persoal ao servizo da Administración. A finalidade destes cursos é darlles formación específica aos traballadores e traballadoras públicas na súa lingua de especialidade, o que implica un maior afondamento en aspectos gramaticais e léxicos específicos, así como en cuestións de redacción e estilo a partir do traballo coa documentación administrativa propia de cada nivel, tanto na oralidade coma na escrita.
Con esta formación específica en galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca actualizar e formar o persoal para que incremente a competencia técnica nesta lingua e garantir o emprego dun galego de calidade e dunha linguaxe clara cos administrados/as, a prol dun avance na normalización lingüística desde o ámbito da Administración, tal e como sinala o Plan xeral de normalización da lingua galega.