Cincocentos nenos e nenas de toda Galicia cantan en Cangas á lírica medieval no concerto “No bico un cantar”
Alumnos e alumnas dos conservatorios de música profesional de Galicia e de tres centros de música do Morrazo participan neste proxecto educativo e cultural
O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación, co apoio do Concello de Cangas, organizan a actuación, que será mañá ás 17:30 horas no adro da igrexa de Santiago de Cangas
As cancións dos xograres e trobadores medievais son as protagonistas da cuarta edición de No bico un cantar, un programa didáctico e cultural que ten como eixos a música, a poesía e a mocidade. A cita xuntará mañá venres en Cangas, ás 17:30 horas, un gran coro formado por 500 nenos e nenas chegados dos conservatorios de música profesional de Galicia e de tres centros de música do Morrazo para cantarlle ao mar de Vigo.
O concerto, organizado polo Consello da Cultura Galega e pola Consellería de Cultura e Educación, coa colaboración do Concello de Cangas, acollerá a estrea da versión musicada do poema “Pois nosas madres van a San Simón” de Pero Viviaez a cargo do compositor Rogelio Groba.
O repertorio do concerto
O programa desta edición de “No bico un cantar” está conformado por catro poemas de diferentes xograres e trobadores que recollen trazos da lírica medieval: “A Cançao do marinheiro”, de Lourenço, con música de Heitor Villa-Lobos, xunto con dúas obras moi populares como son a cantiga de Martín Códax "Quanto sabedes amar” e “Ondas do mar de Vigo", unidas nunha única peza, e "Rosa das Rosas", de Alfonso X O Sabio. Canda elas, e como vén sendo habitual neste programa, o Consello da Cultura Galega encargou a composición musical dun poema. Nesta ocasión trátase da estrea da versión que Rogelio Groba fixo de "Pois nosas madres van a San Simón”, de Pero Viviaez. O concerto remata co “Maio longo”, de Rosalía de Castro, musicado por José Baldomir, como vén sendo unha tradición neste programa desde a súa creación en 2013.
O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repite como responsable artístico deste proxecto que xuntará medio millar de nenos e nenas chegados de diferentes conservatorios de música profesional de toda Galicia, do conservatorio de musica de Cangas e das escolas municipais de música de Cangas e Moaña. Nesta ocasión tamén repite o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba) ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto que complete o proxecto.
A escritora Rosa Aneiros exercerá como mantedora do acto e na súa intervención destacará a riqueza da lírica medieval ao lembrar trobadores como Johán de Cangas, Martín Códax ou Meendinho. Ademais, tamén lembrará as Irmandades da Fala e algúns creadores da zona como Bernardino Graña.
O concerto, que terá lugar ás 17:30 horas no adro da igrexa de Santiago de Cangas, poñerá o peche a unha xornada de actividades na que está programada unha visita cultural á vila de Cangas, así como unha proxección audiovisual.
Alén da organización a cargo do Consello da Cultura e da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación así como da colaboración do Concello de Cangas, as empresas Eroski Center, Torre de Núñez e Hoxe Queixos colaboran na manutención das persoas que participan na xornada.
No bico un cantar
Unha frase de Curros Enríquez a Rosalía, “No bico un cantar”, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer poetas recoñecidos da nosa desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumpría o 150º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista deste concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova, por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez. Nesa edición estreouse a versión musical do poema de Curros “Nouturnio”, que o CCG lle encargou a Xabier Comesanha. En 2015, a cita trasladouse a Cambados para cantar a Ramón Cabanillas.
Ligazóns relacionadas