A Xunta, o INTA e Aeronáuticas Lucenses porán en marcha o ciclo superior de mantemento aeromecánico no CIFP As Mercedes
Román Rodríguez e Francisco Conde visitaron hoxe o centro e coñeceron os proxectos de innovación que nel se desenvolven
Ademais, pecháronse, con ambas as entidades, diversas colaboracións en materia de FP, innovación, emprendemento, formación do profesorado e recoñecemento das competencias profesionais dos traballadores
A nova oferta formativa dará resposta as novas oportunidades laborais que se abrirán no polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, onde se xerarán un mínimo de 600 empregos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; visitaron hoxe o CIFP As Mercedes, onde coñeceron de primeira man os proxectos innovadores que este centro de referencia na provincia está a desenvolver. Neste sentido, o conselleiro de Educación salientou a importancia de transmitirlle ás empresas as potencialidades, calidade e talento do alumnado e profesorado da FP galega, e o que isto supón como oportunidade para o crecemento do noso tecido socioeconómico, con profesionais da máis alta cualificación e preparados para dar resposta ás necesidades das empresas.
Román Rodríguez tamén salientou a oportunidade que agora se abre coa posta en marcha neste centro do ciclo de grao superior, de nova implantación en Galicia, de Mantemento Aeromecánico, que se impartirá o vindeiro curso en colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial ‘Esteban Terradas’ (INTA) e a empresa Actividades Aeronáuticas Lucenses, S.L. Unha iniciativa que se completará con diversas colaboracións en materia de FP, innovación, emprendemento, formación do profesorado e recoñecemento das competencias profesionais dos traballadores
O conselleiro de Cultura e Educación sinalou estes acordos como unha oportunidade única para a implantación dunhas ensinanzas de futuro, que están a experimentar un gran auxe ao abeiro dos novos usos que se lle está a dar a aparellos como os drons, contemplados nesta formación. Deste xeito, introdúcese un novo ciclo da man dos axentes principais que están a desenvolver estas tecnoloxías, as empresas, o que supón un valor engadido á formación do alumnado de FP unha clara vantaxe á hora da súa incorporación ao mercado laboral.
Pola súa parte o conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou que o novo ciclo supón un novo paso para que o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, que a Xunta vai configurar ao redor de Rozas, “se constrúa sobre unha base de talento galego”. Conde resaltou que para acadar esa meta é necesaria unha oferta formativa sólida tanto no que se refire á educación superior, como no relativo á Formación Profesional.
Neste senso, subliñou que a nova titulación de Enxeñería Aeronáutica no campus de Ourense da UDV dá resposta a unha desas necesidades, deses ocos, un papel completado por ciclos de FP como o de Mantemento Aeromecánico, “que se aliña perfectamente coas necesidades do noso polo de avións non tripulados, no que precisamente Indra e Inaer trasladarán a Rozas o mantemento das súas aeronaves”.
É un programa de formación, defendeu o conselleiro, que responde de forma específica ás necesidades da compañías galegas, xa sexa no polo de Rozas ou do resto de empresas aeronáuticas. “O programa axudará a que o ciclo superior en aeronáutica sexa unha auténtica fonte de talento da que se nutra Rozas, xunto á titulación de Ourense” para abastecer a un polo de avións non tripulados que xerará inicialmente 600 empregos.
No percorrido polo centro estiveron presentes o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; o director do CIFP, Joaquín Expósito; o responsable da empresa Actividades Aeronáuticas Lucenses, Luis Abelleira; e Andrés Méndez Rodríguez, de INTA.
Mantemento Aeromecánico
Respecto da impartición do ciclo de grao superior en Mantemento Aeromecánico, que será de nova implantación en Galicia, desenvolverase de forma conxunta nas instalacións do CIFP As Mercedes e das devanditas entidades (ambas no Aeródromo de Rozas, en Castro de Rei), cunha duración de 2 cursos académicos. A vixencia do convenio é de 4 anos, polo que se poderían beneficiar desta iniciativa case 90 rapaces (22 por curso académico), sendo posible tamén a renovación do acordo ao seu remate.
Do total dos 14 módulos dos que consta o ciclo formativo, 6 desenvolveranse no CIFP e os outros 8 –incluído o de Formación en Centros de Traballo (FCT)- nas instalacións de INTA e de Actividades Aeronáuticas Lucenses, S.L; especialmente módulos específicos que requiran da experiencia de persoal destas entidades para a súa impartición ou de maquinaria e equipamento do que dispoñen tanto o Instituto Nacional ‘Esteban Terradas’ como Aeronáuticas Lucenses. Respecto do módulo de FCT, cómpre sinalar que durante este período as alumnas e alumnos recibirán formación adicional en seguridade, un adestramento específico neste eido que contribuirá de forma significativa a completar a cualificación dos estudantes e a mellorar o seu currículo de cara ao seu ingreso no mundo laboral.
Cómpre sinalar que, ademais de aos propios alumnos deste ciclo, as devanditas entidades poderán acoller nas súas instalacións a outros alumnos de FP para a realización do módulo de FCT. Todos aqueles que finalicen de forma satisfactoria esta formación incorporarase á base de datos curricular da empresa, podendo participar en futuros procesos de selección.
Proxectos innovadores
Durante o seu percorrido polo centro, os conselleiros tiveron a oportunidade de coñecer o proxecto innovador ‘Montaxe, instalación de central frigorífica didáctica para estudo e avaliación do funcionamento de equipos frigoríficos industriais de supermercados’, desenvolvido polo alumnado e profesorado dos ciclos da familia profesional de Instalación e mantemento’. Así mesmo, o equipo do CIFP amosoulles algúns dos equipamentos cos que se traballará no novo ciclo de Mantemento Aeromecánico.