Cultura e Educación concede 150 bolsas para impulsar a formación en idiomas dos estudantes universitarios a través da de estadías no estranxeiro este verán

A Consellería vén de publicar a proposta de resolución destas axudas, en prol da aprendizaxe de linguas

Neste sentido cómpre lembrar que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a capacidade de estudo e traballo

Lun, 30/05/2016 - 13:23

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concederá, segundo a proposta de resolución publicada hoxe no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal ), 150 axudas para que o alumnado universitario poda mellorar o seu coñecemento de idiomas en estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2016.

Para iso, a Consellería habilitou unha partida de 135.000 euros para estas bolsas, que terán unha contía máxima de 900 euros por beneficiario. As bolsas teñen como obxectivo facilitar a igualdade de oportunidades de todo o estudantado para acadar a excelencia, así como estimular a mobilidade dos universitarios galegos. Cómpre lembrar, neste sentido, que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior(EEES) esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a capacidade de estudo e traballo.

Por universidades, 84 beneficiarios estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 22 na Universidade da Coruña, e 43 na Universidade de Vigo. Os países de destino polo que maioritariamente optaron para ir a cursar un curso de idiomas foron Malta (53), Irlanda (41), Reino Unido (39), Francia 6), Italia (6), Alemaña (2), Portugal (2) e Polonia (1).