O conselleiro de Cultura e Educación salienta a importancia da formación do profesorado como peza clave do éxito do sistema educativo
Román Rodríguez participou esta mañá na conferencia final do proxecto europeo ‘Erasmus+ KA2 ENTELS. As competencias do profesorado para unha educación de calidade e éxito’, que se celebrou na Cidade da Cultura de Galicia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na conferencia final de ‘Erasmus+ KA2 ENTELS. As competencias do profesorado para unha educación de calidade e éxito’, un proxecto europeo de 2 anos de duración (2014-2016) coordinado polo departamento educativo da Xunta de Galicia. Ao acto asistiu, ademais, o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira.
Durante a súa intervención o conselleiro salientou a importancia da formación do profesorado como peza clave do éxito do sistema educativo. Neste sentido explicou que o seu departamento é sensible diante da necesaria actualización de coñecemento das metodoloxías e ferramentas do profesorado para garantir unha educación de calidade. Unha demanda que se canaliza a través da formación do profesorado nos Centros de Formación e no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), que coordina e organiza estas actividades. Así mesmo, Román Rodríguez sinalou este proxecto como un excelente exemplo de cómo axudar ao profesorado a mellorar a súa cualificación, conxugando de forma eficaz a formación nas TIC, o emprendemento, a innovación e a aprendizaxe autónoma.
Ao longo da xornada exporase a experiencia de desenvolvemento do proxecto nos diferentes países participantes e afondarase na avaliación, contornos da aprendizaxe, o emprendemento e nas ferramentas TIC e as súas implicacións educativas.
Recursos de formación
Na iniciativa ‘Erasmus+ KA2 ENTELS’ participaron a Universidade de Santiago de Compostela, a Technoligijos Universitetas de Kaunas (Lituania), a University of Plymouth (Reino Unido), e o H2 Learnign Ltd. (Irlanda). Así mesmo, formou parte deste proxecto o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), responsable - de entre outros traballos- da creación dunha plataforma necesaria para o desenvolvemento dos cursos de e-learning creados a través deste proxecto.
Ao abeiro deste proxecto púxose en marcha a plataforma http://campus.entelsproject.eu/ e a páxina web http://www.entelsproject.eu/ . Nestes soportes os docentes poden atopar os cursos de formación elaborados para a ocasión, que están compostos por 4 módulos de aprendizaxe centrados nas competencias clave: Módulo TIC, sobre Emprendemento, sobre a Avaliación, e de Entornos de Aprendizaxe centrados no alumnado. Neles inclúense materiais innovadores e renovadas estratexias sobre a aprendizaxe desenvolvendo habilidades básicas e transversais como o emprendemento, habilidades dixitais e plurilingüismo.
Estes cursos realizáronse en liña e foron pilotados nos 4 países participantes. En concreto en Galicia, no marco tamén do Plan Anual de Formación do Profesorado, estanos desenvolvéronos un total de 60 docentes. Unha vez rematado o traballo, o froito reflectirase nun Manual de Boas Prácticas, Exemplo e Guías.