Educación reforza a atención educativa en Ames coa creación de novas prazas e a mellora das infraestruturas dos centros, cun investimento previsto de 1,1 millóns de euros

Román Rodríguez trasladoulle á comunidade educativa de Ames a dotación de novas unidades no IES de Bertamiráns e no CEIP Agro do Muíño

Mér, 25/05/2016 - 21:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde e representantes do Concello  de Ames, xunto cos directores do CEIP Agro do Muíño e do IES de Ames, en Bertamiráns, para comunicarlle as actuacións que vai levar a cabo o seu departamento co obxectivo de atender ás necesidades educativas neste concello da comarca de Compostela, e que se centrará na dotación de novas prazas de escolarización e na mellora dos centros escolares.

Nesta liña, coa fin de reforzar a ESO, a Consellería incorporará seis novas aulas no IES de Bertamiráns, tres delas neste vindeiro curso 16-17 e outras tres no curso 17-18. Ademais, neste mesmo Instituto levaranse a cabo obras de mellora da infraestruturas, coa cubrición do patio de xogos e a construción dunha pista polideportiva. Nesta mesma semana, os técnicos da Consellería trasladaranse ao centro de Secundaria para estudar alternativas e realizar medicións, barallándose un orzamento próximo a 700.000 euros.

Así mesmo, no CEIP Agro do Muíño, a Consellería incorporará tres novas aulas nunha primeira fase neste curso, e seis máis nunha segunda fase, polo que se dotará ao centro dunha liña máis. Para esta primeira fase existe unha previsión de 400.000 euros.

En ambos casos, o Concello estudará as posibilidades urbanísticas e patrimoniais para a ampliación dos terreos dispoñibles.

Na mesma reunión,  o Concello comprometeuse a asumir as obras de ampliación do comedor do CEIP de Barouta.