Román Rodríguez subliña que as avaliacións de primaria homologan a Galicia cos países europeos e lamenta a campaña de boicot onde os nenos son os principais perxudicados
O conselleiro de Cultura e Educación denunciou a estratexia de algunhas organizacións baseada en falsedades, -como que se ía facer clasificacións de alumnos e de centros-, para xerar confusión entre as familias
Defendeu que a Xunta é “un Goberno responsable” que cumpre coas leis vixentes nun estado democrático
As avaliacións de 3º e de 6º de Primaria que vén de aplicar a Administración educativa en Galicia -seguindo o establecido na normativa vixente- van na mesma liña que as que se realizan noutros países da Unión Europea e do resto do mundo, onde se empregan “como algo normal e necesario para coñecer o funcionamento das institucións educativas”, sinalou hoxe no Parlamento o conselleiro Román Rodríguez, que rexeitou a campaña continuada de boicot político por parte de determinadas organizacións, e que se veu intensificada coincidindo precisamente co actual escenario preelectoral.
O responsable de Educación do Goberno galego denunciou que neste curso se intensificaran as chamadas ao boicot e as mensaxes de confusión ás familias, cunha actitude totalmente “irresponsable e negativa” onde os principais prexudicados son os propios rapaces e rapazas.
Segundo o conselleiro, o rexeitamento dos grupos da oposición ás avaliacións “non se fundamenta en cuestións pedagóxicas nin educativas”, senón en posicionamentos ideolóxicos. Proba dixo é que os mesmos que agora chaman ao boicot, non o fixeron coas avaliacións de diagnóstico de 4º de Primaria establecidas na LOE e aplicadas polo Bipartito desde o ano 2009 e que estaban deseñadas do mesmo xeito que as actuais de 3º e 6º, coa única diferenza de que agora as familias teñen coñecemento dos resultados dos seus fillos e fillas e antes non.
Por iso lamentou que sigan instalados no “inmobilismo e no rexeitamento ideolóxico á LOMCE”, unha Lei Orgánica aprobada por un Estado Democrático, e, por tanto, de obrigado cumprimento. “As leis en vigor están para ser cumpridas e esa é a posición que mantén calquera goberno responsable”, abondou
Tamén emprazou ao grupos da oposición a “non facer demagoxia” cunhas avaliacións que non substitúen a avaliación ordinaria, senón que a complementan e que están pensadas para mellorar o proceso de ensino e aprendizaxe, e reforzar o ensino galego alí onde faga falta e, sobre todo, no caso de aqueles alumnos con máis necesidades, de xeito que “ningún neno nin nena, nin ningún centro se quede atrás”.