Cultura e Educación e os concellos de Pontevedra suman forzas para mellorar un total de 116 centros da provincia
Román Rodríguez presidiu a sinatura de 60 protocolos e 2 convenios cun total de 60 municipios, que beneficiarán a máis de 25.000 alumnos
O titular do departamento educativo pon en valor a cooperación interadministrativa porque permite garantir unha correcta eficiencia na xestión dos recursos públicos e dotar á veciñanza de mellores infraestruturas educativas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a práctica totalidade dos concellos de Pontevedra –salvo Pontevedra e Vigo, que contan con plans específicos– veñen de sumar forzas co fin de mellorar e modernizar un total de 116 centros da provincia, unhas actuacións que beneficiarán a máis de 25.000 alumnos e alumnas pontevedreses.
En concreto, esta ampla colaboración institucional susténtase en 60 protocolos e 2 convenios con 60 municipios, nos que se inclúen 103 CEIP (centro de educación infantil e primaria) e 13 CPI (centro público integrado). Trala sinatura, á que asistiron representantes de todos os concellos implicados, o conselleiro Román Rodríguez explicou que se actuará en máis da metade dos CEIPs públicos da provincia, así como en máis da metade dos CPI, co fin de mellorar o seu estado e garantir a súa conservación futura.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia –que estivo acompañado polo delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís– puxo en valor esta colaboración interadministrativa e esforzo conxunto que, sempre desde “a lealdade institucional e o respecto á autonomía local”, permite garantir unha correcta eficiencia na xestión dos recursos públicos e dotar á veciñanza de mellores infraestruturas educativas.
Trátase dun protocolo co que, en palabras de Román Rodríguez, “todos gañamos: os concellos, a Xunta e os veciños e veciñas da provincia, sobre todo as vindeiras xeracións de pontevedreses”, subliñou.
Tres centros con melloras enerxéticas
A maior parte dos fondos da Consellería están vinculados a obras de reforma, ampliación e mellora, entre as que se inclúen tres actuacións enmarcadas dentro do Plan de eficiencia enerxética, funcional, integración e sinaléctica para este 2016. Estas accións levaranse a cabo no CEIP San Roque de Darbo de Cangas, no CEIP de Chancelas de Poio e no CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces.
Convenios con Vilagarcía e A Guarda
Por outro lado, e a maiores dos 60 protocolos, coas localidades de Vilagarcía e A Guarda asináronse tamén senllos convenios de colaboración, a través dos cales Consellería e Concello asumen, cada unha, o 50% do custe da actuación. En concreto, no CEIP de Rubiáns de Vilagarcía acometerase a reforma do ximnasio, mentres que no CEIP As Solanas da Guarda procederase a mellorar o pavillón anexo ao ximnasio.
Instalacións deportivas abertas a público xeral
Coa sinatura destes acordos de colaboración coa administración máis próxima aos cidadáns búscase planificar as diferentes actuacións orientadas a mellorar e modernizar os centros públicos, seguir promovendo a cooperación interadministrativa, garantir o financiamento das actuacións e optimizar a utilización dos recursos públicos co obxectivo de atender de forma eficiente as necesidades materiais dos edificios educativos.
Ademais, tamén se impulsan as actuacións de mellora nas instalacións deportivas anexas aos centros educativos, non só para satisfacer as necesidades do alumnado, senón tamén para abrilas á práctica deportiva de toda a poboación. Neste sentido, establécese que as ditas instalacións poden ser abertas ao uso xeral fóra do horario lectivo para fins educativos, deportivos e culturais, sempre e cando non se interfira na programación das actividades dos centros e se garanta a súa correcta utilización.