O conselleiro de Educación visitou o IES da Terra Chá e o CEIP Veleiro-Docampo de Castro de Rei, en Lugo

As inversións neste concello ao longo do 2010 achegáronse aos 86.000 euros para a mellora de instalacións, equipamentos, e axudas dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas e o Plan Abalar

Lun, 20/12/2010 - 12:15
O conselleiro de Educación visitou o IES da Terra Chá e o CEIP Veleiro-Docampo d
O conselleiro de Educación visitou o IES da Terra Chá e o CEIP Veleiro-Docampo de Castro de Rei, en Lugo

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiu hoxe parte da mañá coas comunidades educativas do IES da Terra Chá ‘José Trapero Pardo’ e do CEIP Veleiro-Docampo, ambos do concello lucense de Castro de Rei. Na súa visita, Vázquez Abad estivo acompañado da delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; do xefe territorial de educación na provincia, José Jesús Ramos Ledo; así como dos equipos directivos, docentes e alumnado destes centros educativos. Ao longo do presente ano a Consellería de Educación realizou neste concello un investimento de preto de 86.000 euros nos que se inclúen todas as melloras precisas para beneficiar á comunidade educativa ao completo.

O conselleiro de Educación iniciou o seu percorrido polo IES da Terra Chá, no que estudan 332 rapazas e rapaces; e que foi elixido para participar nesta primeira fase do Proxecto ABALAR, do que se benefician este curso os 41 alumnos de 1º da ESO. Para a adaptación do centro a este ambicioso plan Consellería investiu 26.000 euros. Neste momento na provincia de Lugo o Proxecto Abalar xa ten enviado o equipamento ao 100% dos centros públicos. Así os 40 centros teñen completada a instalación, e a posta en funcionamento rematará nos vindeiros días.

Ademais, Vázquez Abad visitou as aulas de bacharelato, dos ciclos formativos de Explotacións Agrarias Extensivas e de Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos; e dos programas de cualificación profesional inicial de Albanelaría, Cociña, Mantemento de Vehículos e Peiteado. Posteriormente, Vázquez Abad felicitou o Nadal aos 201 alumnas e alumnos de Infantil e Primaria do CEIP Veleiro-Docampo.

As melloras dos centros

Ademais, o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia visitou as bibliotecas de ambos os centros, que recibiron este ano axudas de preto de 2.000 euros da Consellería no marco do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares, e para a adquisición de novos fondos bibliográficos.

Ao remate do encontro coas ambas as dúas comunidades educativas, o conselleiro amosou a súa satisfacción polo bo funcionamento destes centros. Así, explicou que tivera a oportunidade de comprobar o estado das instalacións do colexio e o instituto. Cómpre recordar que no presente ano investíronse máis de 58.000 euros nas diversas obras de mellora e equipamento dos centros do concello.

Vázquez Abad manifestou, así mesmo, a súa intención de continuar no vindeiro ano co seu percorrido para coñecer de primeira man as necesidades dos centros educativos de Galicia, co fin de lograr o maior benestar e calidade de ensino para todos os seus estudantes.