Menos da metade do profesorado da ensinanza pública galega secundou a folga

Os alumnos e alumnas asistiron aos centros escolares nun día no que non se rexistraron incidencias

Xov, 21/01/2010 - 15:38

Menos da metade do profesorado secundou unha folga na que están convocados todo o persoal docente de ensinanza non universitaria dos centros públicos galegos. Os datos definitivos sitúan o seguimento na comunidade no 44,7%, segundo os datos facilitados á Consellería de Educación polas súas xefaturas provinciais. Este dato confirma que a maioría dos profesores acudiron con normalidade a clase neste día de folga preventiva.

A totalidade dos centros educativos abriron as súas portas e impartiron maioritariamente as clases como nun día normal. Onde a folga foi seguida, os escolares foron igualmente atendidos polos servizos mínimos establecidos en cada centro. O transporte e os comedores escolares tamén funcionaron con total normalidade.

Por provincias, en Ourense o 47% do profesorado seguiu o paro; en A Coruña secundaron á folga o 46%; en Pontevedra un 51% foi á folga; e, en Lugo participaron o 35%.

Finalidade partidista

A Consellería de Educación, como non pode ser menos, respecta a decisión dos folguistas pero entende que a mesma é unha simple consecuencia da falla de argumentos dos convocantes, algo que entenderon a maioría dos profesores, que decidiron non secundar o paro. Un paro, co que, en opinión desta consellería, vulneráronse os dereitos dos escolares só cunha finalidade partidista.

En declaracións do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, "a folga convocouse contra a maioría social de Galicia, contra os que apostan polo plurilingüismo cordial, e incluso contra os que avogan por outro modelo, pero queren discutilo serenamente".

Manifestación contra o diálogo

Tras reiterar quea Xunta considera preventivas tanto a convocatoria de folga como a da manifestación, que foron anunciadas antes mesmo de coñecerse o texto das bases para o borrador de decreto, Pinal acusou á ¿Queremos Galego? de non querer dialogar: "Foi -dixo- un dos grupos convidados a reunirse para falar sobre as bases do decreto pero rexeitou a invitación -foron os únicos que se negaron-, cousa que xa fixeron no mes de outubro".

Logo de lamentar que os convocantes da manifestación foran mesmo en contra da idea de diálogo e entendemento que propugnabaa Real Academia Galega no seu documento, o director xeral concluíu dicindo que, ao seu modo de ver, "o monolingüismo e a inmersión son consecuencia de ver a Galicia como un país pechado, separado, á defensiva e con medo á modernidade. En cambio, o plurilingüismo parte dunha concepción de Galicia como un país integrado en España, en Europa e no mundo de hoxe. Estamos pois, diante de dúas modelos ben distintas: O plurilingüismo fronte ao monolingüismo. O modelo galego fronte a modelos importados. A liberdade fronte a imposición. O diálogo fronte a folga".