Cultura e Educación premia un total de 19 proxectos de innovación na FP, nos que participan 26 centros e 27 empresas e entidades
Esta iniciativa, dotada con máis de 250.000 euros para as dúas modalidades, busca camiñar cara a excelencia na Formación Profesional, fomentando o espírito emprendendor e a competitividade desde idades mozas
Os centros recoñecidos con este galardón deberán presentar a memoria final do proxecto antes do 30 de marzo de 2017
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de recoñecer un total de 19 proxectos educativos cos premios de innovación na Formación Profesional. Nestas iniciativas, coordinadas por 17 centros públicos, participan un total de 26 CIFP e IES (9 deles colaboradores), así como 27 empresas e entidades, o que demostra un traballo colaborativo e unha unión de forzas tanto desde o plano escolar como empresarial.
En concreto, na modalidade A foron seleccionados nove proxectos de innovación tecnolóxica ou científica, mentres que na B, orientada aos de innovación didáctica, resultaron galardoadas dez. A Consellería destinou a ámbalas dúas modalidades máis de 250.000 euros, co obxectivo de seguir camiñando cara a excelencia na FP, fomentar o espírito emprendendor e potenciar a competitividade desde idades mozas.
Os centros recoñecidos deberán desenvolver o proxecto ao longo deste ano e presentar a memoria final antes do 30 de marzo de 2017. A resolución da convocatoria, cos datos dos proxectos concretos e dos centros, pode consultarse no seguinte enderezo web http://www.edu.xunta.gal/fp/webfm_send/6510.
Proxectos premiados
Deste xeito, na modalidade A foron premiados dous proxectos do CIFP Ferrolterra, un do CIFP Compostela en Santiago, outro do IES de Curtis, do CIFP Someso da Coruña, do CIFP Politécnico de Lugo, do CIFP Manuel Antonio de Vigo, do CIFP Valentín Paz Andrade, tamén de Vigo, e do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra.
Pola súa banda, na modalidade didáctica resultaron seleccionados o IES Universidade Laboral de Culleredo, o CIFP Ferrolterra, o CIFP Coroso de Ribeira, o CIFP Politécnico de Santiago, o IES A Sardiñeira da Coruña, o IES Nº 1 de Ordes, o CIFP As Mercedes de Lugo, o IES Lois Peña Novo de Vilalba, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense e o IES Antón Losada Diéguez da Estrada.
Terceira edición
Con esta terceira edición da convocatoria preténdese continuar afondando nas iniciativas innovadoras en torno á FP, no traballo en conxunto e na transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades.
Neste sentido, as diferentes iniciativas xurdidas no seo do centro educativo fomentan un contacto directo entre o alumnado e o profesorado co tecido produtivo de cada zona, o que favorece a creación de sinerxías entre o centro e a empresa e, en consecuencia, a empregabilidade e a inserción laboral do alumnado.
FP adaptada ás necesidades produtivas
Esta vinculación e adaptación da formación profesional ás necesidades produtivas da contorna é un dos eixes no que a Consellería quere profundar ao longo dos próximos anos. Cómpre recordar que a aposta pola innovación e o espírito emprendedor desde o eido educativo e, concretamente, en torno á FP, encádrase coa “Estratexia Europa 2020” da Comisión Europea, que incorpora como un dos seus obxectivos unha Formación Profesional que propicie novas experiencias no campo da innovación, da calidade, da creatividade e do emprendemento.