A Xunta promove actuacións para propiciar que máis do 25% do alumnado galego mellore as súas competencias nunha lingua estranxeira na presente lexislatura
O Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras promove a progresiva creación de centros plurilingües para crear unha verdadeira aprendizaxe en rede
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria traballa no desenvolvemento do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras estruturado en 5 eixos, con diferentes medidas e accións orientadas a propiciar que na presente lexislatura máis do 25% do alumnado galego poida acadar unhas mellores competencias de comprensión e expresións orais e escritas nunha lingua estranxeira.
Así o manifestou hoxe, na súa comparecencia a petición propia na Comisión 4ª de Educación e Cultura, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema, quen lembrou o compromiso da Administración educativa galega co importante reto de lograr que as alumnas e alumnos poidan contar con competencias lingüísticas axeitadas que lles permitan mellores oportunidades nun mundo en constante transformación como o que encara o século XXI.
Ademais, o director xeral explicou que este Plan, no que se investirán máis de 50 millóns de euros, suporá unha oportunidade para que todo o alumnado galego poida mellorar os seus coñecemento en idiomas, dando prioridade a quen máis o necesitan e ao alumnado que demostre un maior esforzo na súa traxectoria académica.
Na súa intervención, o director xeral informou da clara aposta do actual Goberno galego por acadar unha transformación integral do ensino de linguas estranxeiras a través do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Lembrou que este proxecto, que dá resposta aos obxectivos establecidos pola Unión Europea en materia de aprendizaxe de linguas, fundaméntase na planificación, no aproveitamento dos recursos dispoñibles e na innovación, na cultura do esforzo e na premisa de propiciar un ensino para todos, pero no que reciban máis axuda aqueles que máis o precisan.
O responsable da Consellería de Educación explicou que o obxectivo do plan pasa por propiciar “que calquera alumna e alumno de Galicia poida acceder á aprendizaxe de linguas estranxeiras”. Para conseguilo, a Administración educativa galega comezou a lexislatura afrontando medidas de reforzo e mellora da oferta das Escolas Oficiais de Idiomas, unidas á creación de novas seccións bilingües.
Estes recursos compleméntanse coa creación dos denominados centros plurilingües, aqueles que, de xeito voluntario, accederon a impartir ata un terzo das materias integramente en inglés. Neste curso 2010-2011, un total de 58 centros accederon voluntariamente a implantar con carácter experimental o novo modelo plurilingüe de ensino. Trátase do inicio do que será a futura rede de centros plurilingües de Galicia.
Os eixos
O director xeral explicou que o novo modelo de ensino de linguas estranxeiras en Galicia prevé medidas en cinco eixos: centros educativos, profesorado, alumnado, profesionais e de carácter transversal.
Respecto do primeiro dos eixos, o que se refire aos centros educativos, o director xeral destacou a creación da devandita rede de centros plurilingües, dos que se prevé que haberá 160 ao final da lexislatura, que veñen reforzar ás novas seccións bilingües, ambos dotados da figura do auxiliar de conversa. Así mesmo, referiuse ao incremento da oferta formativa das Escolas Oficiais de Idiomas, que tamén dispoñen da colaboración de axudantes de conversa.
O director xeral explicou ademais que, para facer efectivas estas accións nos centros é preciso actuar sobre o segundo eixo, o do profesorado, para o que a Consellería está a establecer itinerarios de formación, estadías a través dos programas de formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras (CUALE), de Apoio ao Ensino e Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PALE), no estranxeiro ou en 'pobos ingleses' en España; medidas que beneficiarán a uns 13.000 docentes ata 2013. Tal e como explicou Jose Luis Mira, a Consellería traballa para que a adquisición de competencias lingüísticas dos docentes sexa recoñecida nas EEOOII ou por institucións avaliadoras internacionais.
Do mesmo xeito, o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras actúa sobre o terceiro e cuarto eixo, promovendo, dunha banda as estadías formativas no estranxeiro –nas que participarán uns 16.000 estudantes esta lexislatura- e itinerarios formativos para o alumnado galego; así como a acreditación das competencias lingüísticas adquiridas polas EEOOII ou os devanditos organismos, tanto para o alumnado como para os profesionais. Para este último colectivo estanse a programar ademais cursos específicos de linguas estranxeiras, adaptados ás necesidades dos seus respectivos eidos laborais.
Por último, o director xeral lembrou que o quinto eixo desta iniciativa ten carácter transversal e contempla o seguimento e avaliación externa do Plan de Potenciación.
Unha oportunidade para todos
O director xeral de Educación fixo fincapé na importancia do desenvolvemento destes 5 eixos, grazas ao que, coa planificación e posta en valor dos recursos de aprendizaxe de idiomas - EEOOII, seccións bilingües, renovadas convocatorias de estadías no estranxeiro - e a creación de outros novos - como os centros plurilingües,- calquera alumna e alumno de Galicia poderá acceder á aprendizaxe de linguas estranxeiras.
“Ata agora aprendían idiomas aqueles alumnos aos que os seus pais podían permitirse envialos a academias de linguas dentro de Galicia ou a estadías no estranxeiro”, dixo. Porén o novo Plan propiciará novas convocatorias de estadías no estranxeiro, onde se primará como beneficiarios a aqueles alumnos que realizaron un maior esforzo en todas as materias e tamén no idioma no que se están a formar, aos que conten con competencias básicas sobre as que construír novas aprendizaxes. Ademais serán os escolares que, pola renda das súas familias, máis o necesiten os que recibirán máis axudas da Consellería. “O Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras daralle a oportunidade a todos”, resumiu o responsable da Consellería de Educación.