A Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Ourense investirán 644.000 euros en melloras en 36 centros educativos da provincia

Román Rodríguez e José Manuel Baltar asinaron hoxe un protocolo de colaboración para coordinar as actuacións neste sentido

Os espazos deportivos nos que se realicen obras contempladas neste protocolo poderán ser abertos ao seu uso fóra do horario lectivo, sempre que isto non interfira na actividade dos centros

Ven, 08/04/2016 - 12:37
Román Rodríguez; e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a coordinación da programación das obras de reparación, conservación, mantemento, reforma, ampliación e mellora dos centros públicos de educación infantil, educación primaria e educación especial da provincia de Ourense
Román Rodríguez; e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a coordinación da programación das obras de reparación, conservación, mantemento, reforma, ampliación e mellora dos centros públicos de educación infantil, educación primaria e educación especial da provincia de Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a coordinación da programación das obras de reparación, conservación, mantemento, reforma, ampliación e mellora dos centros públicos de educación infantil, educación primaria e educación especial da provincia de Ourense. O importe total das actuacións ascende a case 644.000 euros.

Román Rodríguez sinalou este protocolo, que se asina por segundo ano consecutivo, como un exemplo de coordinación e a colaboración interadministrativa en prol do benestar cidadán. Neste sentido explicou que este tipo de acordos son a mellor forma de harmonizar as actuacións que realizan, no marco da súa competencia, os Concellos e entidades locais e as que executa a Administración autonómica. Así mesmo, vélase polo axeitado mantemento dos centros educativos, unha competencia municipal que é a base para previr a necesidade de intervencións de maior envergadura.

Neste sentido o conselleiro transmitiu o seu agradecemento á Deputación de Ourense e recoñeceu o compromiso deste departamento coas instalacións dos centros educativos, que se artella a través do Plan Provincial Educou2016, vía pola que se desenvolverán as actuacións contempladas no protocolo hoxe asinado.

Centros

Ao abeiro deste acordo financiaranse as obras en 36 centros de ensino da provincia de Ourense. En concreto os centros beneficiados polas obras que desenvolverá a Consellería serán o CEIP Filomena Dato (Barbadás), CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco), CEIP Pena Corneira (Carballeda de Avia), CEIP de Castrelo do Val (Castrelo do Val), CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), CPI Laureano Prieto (A Gudiña), CEIP Serra do Xurés (Lobios), CEIP de Manzaneda (Manzaneda), CEIP Augusto Assía (A Mezquita), CEIP Joaquina Gallego Jorreto (A Merca), CEIP de Mariñamansa (Ourense), CEIP Albino Núñez (Ourense), CEIP A Inmaculada (Ourense), CEIP Manuel Luis Acuña (Ourense), CEIP de Seixalbo (Ourense), CEIP Carlos Cid Arregui (Rairiz de Veiga), CEIP Manuel Folla Respino (A Rúa), CEIP Virxe do Camiño (Rubiá), CEIP Ben Cho Shey (Pereiro de Aguiar), CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), CEIP Rodolfo Núñez (Vilardevós) e  CEIP Vázquez Portomeñe (Xunqueira de Espadañedo).

Pola súa banda a Deputación actuará no CEIP Padre Feijoo (Allariz), CEIP de Beariz (Beariz), CEIP Curros Enríquez (Celanova), CEIP Otero Novas (Cortegada), CEIP de Cualedro (Cualedro), CEIP Santa María A Real (Entrimo), CEIP Manuel Sueiro (Ourense), CEIP Mestre Vide (Ourense), CEIP de Medeiros (Monterrei), CEIP Valle Inclán (Muiños), CEIP Eulogio Gómez Franqueira (San Amaro), CEIP Carlos Cid Arregui (Rairiz de Veiga), CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio (Vilar de Barrio),CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía).

No caso de que o obxecto das obras sexan as instalacións deportivas dos centros docentes, estas poderán ser abertas ao uso xeral da poboación fóra do horario lectivo para fins educativos, deportivos e culturais sempre que non se interfira na programación das actividades dos centros e que se garanta a súa correcta utilización. A Consellería estudará as fórmulas de colaboración coas respectivas entidades locais que permitan a efectividade desta cláusula sempre nos termos e condicións previstos no Convenio marco de colaboración entre a FEGAMP e a Consellería sobre o uso, por concellos galegos, de instalacións deportivas de titularidade da Consellería subscrito o 16 de outubro de 2014.