Román Rodríguez salienta o labor fundamental dos equipos directivos dos centros en prol da mellora da calidade do ensino

O conselleiro de Cultura e Educación participou hoxe na apertura das IX Xornadas da Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia

Mér, 06/04/2016 - 12:10
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na apertura das IX Xornadas da Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na apertura das IX Xornadas da Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na apertura das IX Xornadas da Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia (ADDIGA), onde salientou o labor fundamental que este colectivo desenvolve en prol da calidade educativa. Neste sentido explicou que a Consellería está liderando a actuación en dous eidos de gran importancia para a formación deste persoal: por unha banda a descrición e implementación dun marco de competencias profesionais docentes na formación do profesorado e, por outra, a mellora da convivencia dos centros.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou, a este respecto, que o rol dos docentes está en constante evolución e cambio, dado que ensinan en contornas multiculturais, integrando alumnado con necesidades específicas de atención educativa, buscando un uso efectivo no ensino das TIC, fomentando a participación das familias e a mellora da convivencia.

Neste sentido lembrou que para cumprir con estas expectativas é preciso identificar as competencias necesarias para os docentes, tanto no relativo a xeitos de pensar como de traballar – e novas ferramentas de traballo, como as TIC- e as habilidades para o desenvolvemento persoal e social. Un traballo que está desenvolvendo a Consellería, fundamentalmente a través da Rede de Formación do Profesorado, para incorporalo aos plans de formación dos docentes.

No referido á mellora da convivencia sinalou que, dos datos dos cuestionario realizado pola Consellería entre a comunidade educativa, se desprende unha situación de convivencia positiva, en termos xerais; así como unha percepción de satisfacción das familias cos centros, en máis dun 80% dos casos. En calquera caso, destacou o importante papel dos equipos directivos nesta percepción por parte das nais e pais, así como na mellora do clima escolar.

Profesionalización

Considerada a importancia do seu labor, o conselleiro dixo que a Administración “está a desenvolver instrumentos para apoiar o traballo nos centros, con liñas de formación específicas para recoñecer o carácter profesional especializado dos equipos directivos escolares”, polo que rematou agradecendo o traballo e compromiso dos equipos directivos.

Neste sentido salientou que a súa función de liderado é unha competencia fundamental para aproveitar as oportunidades que, desde o sistema, se poñen en marcha para axudar a construír o proxecto educativo específico de cada centro; e incidiu na necesidade de profesionalización, determinada polas maiores atribucións que os procesos de reforma educativa están transferindo aos centros, tanto na parte curricular, como na administrativa.