A Consellería de Educación investirá preto de 2,3 millóns de euros na ampliación do CEIP Pérez Viondi da Estrada
O conselleiro de Educación presentou hoxe neste centro educativo o proxecto para a mellora das instalacións de Infantil
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Pérez Viondi na Estrada (Pontevedra) para presentar á comunidade educativa o proxecto de ampliación do centro no que a Consellería vai investir preto de 2,3 millóns de euros. Deste xeito, explicou Vázquez Abad, “a Xunta de Galicia dá resposta ás necesidades de mellora que tanto as familias como o equipo docente e directivo viñan manifestando”.
Vázquez Abad anunciou que o investimento da Consellería vai permitir a construción dun novo edificio para albergar ata 9 aulas de infantil, que se unirá á escola existente, no que hai espazo para 18 unidades de Primaria. Así, o proxecto presentado contempla unha construción en planta baixa e primeira de 1.905 metros cadrados en total, na que se distinguen, mediante a utilización de chapas con diferentes tonalidades, bloques de aulas e zonas administrativos, así como o bloque central de comunicación do edificio.
Durante a presentación deste proxecto no colexio estradense acompañaron ao conselleiro o delegado da Xunta na en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares.
Aulas e espazos para os docentes
A zona baixa do edificio acollerá as aulas do escolares de 3 e 4 anos, ademais do comedor, o almacén, a cociña, o gardarroupas e os patios cuberto e exterior. Na primeira planta situaranse as aulas das alumnas e alumnos de 5 anos. Todas elas, ao igual que as do piso baixo, contarán cun aseo deseñado para o uso do alumnado. Tamén neste primeiro andar situarase unha aula de psicomotricidade, para atender ás posibles necesidades educativas específicas dos escolares do centro.
O novo edificio disporá ademais de espazos para o equipo directivo, sala de profesores, e despachos de Audición, Pedagoxía e Orientación, todas elas na planta superior; así como dun cuarto de telecomunicacións.
Materiais illantes
O novo edificio de Infantil terá planta rectangular e aproveita o solar que queda dispoñible entre o edificio existente para Primaria e o pavillón do centro. O conselleiro explicou que o proxecto ten en conta as particularidades da meteoroloxía galega, polo que se prevé a utilización de materiais illantes, así como o máximo aproveitamento da luz solar. Así, o edificio proxectado levántase sobre unha estrutura de formigón armado, cunha fachada de termoarcilla e acabados finais de fachada lixeira de aceiro ondulada en minionda.
As compartimentacións construiranse con fábrica cerámica perforada e oca, segundo locais, e illante, en virtude do cumprimento da normativa fronte o ruído, tanto nas aulas, coma en espazos comúns. Todo o edificio contará así mesmo coas instalacións interiores de fontanería, saneamento, electricidade e voz e datos.
Grazas a este novo edificio ata 225 alumnas e alumnos do colexio estradense terán unhas novas instalacións educativas onde se formar nos seus primeiros anos escolares, dotadas de todo o equipamento necesario para o desenvolvemento das actividades docentes.