A Consellería de Cultura e Educación presenta o primeiro protocolo para o alumnado con Trastorno do Espectro de Autismo (TEA)

O departamento educativo da Xunta de Galicia elaborou este documento en colaboración coas asociacións e colectivos implicados

Lun, 14/03/2016 - 13:43
 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá o que é o primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do sistema educativo galego
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá o que é o primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do sistema educativo galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá o que é o primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do sistema educativo galego, un documento elaborado en colaboración coas asociacións e colectivos implicados nesta diversidade, dada a importancia do traballo conxunto para acadar o maior éxito escolar posible destes estudantes. No marco da presentación, desenvolvida na Sala Eisenman, o conselleiro explicou que o protocolo busca ser unha ferramenta de uso para profesionais do ensino e para as familias, que estableza o camiño que se debe seguir para unha actuación o máis temperá posible, percibindo os primeiros indicadores ou indicios de que algo non vai segundo o agardado; e que axude a orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que participan na educación do alumnado con TEA.

Román Rodríguez fixo fincapé na necesidade da cooperación entre familia, Administración e outras institucións que promove o documento; e no deber social que se impón á hora de responder ás necesidades de cada alumnos, dado que “a diversidade somos todos e todas”. Neste sentido lembrou que un dos compromisos máis importantes do departamento de Educación da Xunta  é o da atención á diversidade, regulada mediante o decreto 229/2011, de 7 de decembro. “Unha normativa autonómica que nos fixo ser pioneiros no conxunto do estado”, lembrou, e que representou un salto cara adiante na atención educativa ao alumnado en contornos inclusivos. Sobre este decreto articulouse un sistema baseado na igualdade de oportunidades, pensado para desenvolver as potencialidades e promover a autonomía de cada alumna e alumno, no que existen espazos para a colaboración das familias e do conxunto da sociedade; aspectos nos que afonda o protocolo presentado hoxe para o caso concreto do TEA

Obxectivos

O protocolo hoxe presentado é resultado dun traballo multidisciplinario, que contou con participación de profesionais de ámbitos como a orientación educativa, os centros de educación especial e as entidades sen ánimo de lucro que traballan para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e das súas familia. O obxectivo que se persigue con el é facilitar a detección do TEA e proporcionar a este alumnado unha atención educativa na que se implique o conxunto do centro e as familias en prol do maior e mellor desenvolvemento persoal e social do estudante.

O Protocolo articúlase en epígrafes, centrados no concepto do TEA (conforme co manual de trastornos mentais DSM-5), a  diagnose do mesmo, o tratamento educativo do alumnado con este trastorno, e o proceso de seguimento e avaliación. Finalmente achégase un pequeno glosario de termos ou conceptos utilizados ao longo do documento, referencias bibliográficas e tres anexos con documentos que poden servir de axuda como indicadores do trastorno, con probas específicas de screening e cun esquema que sintetiza ou orienta o percorrido que cómpre seguir ante a sospeita dun caso de TEA.

En definitiva, o Protocolo para o tratamento educativo do alumnado con trastorno do espectro do autismo busca ser unha ferramenta de uso para profesionais do ensino e para as familias, pretende establecer o camiño que se debe seguir desde a aparición dos primeiros indicios e procura, tamén, orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que participan na educación dese alumnado.

Diagnose

Ademais do concepto do TEA segundo o DSM-5 o protocolo facilita pautas de identificación do TEA, unha ampla relación de indicadores para que as familias e os propios centros educativos poidan distinguir – en diferentes idades- signos ou manifestacións do trastorno. Neste sentido os signos que o profesorado titor detecte deberán ser comunicados ás familias e á xefatura do departamento de orientación que, previo informe á familia, iniciará un procedemento para valorar a posible existencia de TEA. 

A intervención do departamento de orientación centrarase no desenvolvemento do proceso da avaliación psicopedagóxica, segundo a normativa que a regula, e terá por finalidade identificar as necesidades educativas que puidese presentar un alumno ou unha alumna e poder fundamentar as correspondentes propostas, decisións e posibles derivacións. Neste proceso poderá colaborar o Equipo de Orientación Específico.

As conclusións da avaliación psicopedagóxica deben trasladarse ao informe psicopedagóxico, onde se concretarán as propostas de apoio e as orientacións para o centro, o profesorado e a familia. Así mesmo, deberán figurar aquelas axudas e/ou recursos que un alumno ou unha alumna precise para o seu desenvolvemento. Se a avaliación psicopedagóxica confirma a sospeita de indicadores de TEA, trasladarase á familia a conveniencia de que o neno ou a nena reciba atención por parte dos servizos sanitarios. 

En calquera caso, e tal como indica o propio documento, nin a xefatura de departamento de orientación nin o Equipo de Orientación Específico poderán empregar terminoloxía referida a un posible diagnóstico ou adiantalo, dado que a diagnose é unha competencia médica.

Así mesmo o protocolo, como xa indica o Decreto de atención á diversidade, recomenda a escolarización con carácter preferente en centros ordinarios.