Educación subvencionará o servizo de comedor escolar para 425 comensais dos concellos de Ferrol e Mugardos
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinará convenios de colaboración cos concellos de Ferrol e Mugardos para a subvención do servizo de comedor escolar en 9 centros educativos.
Grazas á colaboración económica da Consellería de Educación, os alumnos e alumnas destes comedores poderán seguir utilizando este servizo, malia a decisión de FEANPAS de non continuar coa súa xestión, concretamente nos CEIP Cruceiro de Canido, Recimil, Isaac Peral, Manuel Masdias, San Xoán de Filgueira, Esteiro, e Pazos, e no CPI Almirante Juan de Lángara y Huarte, todos eles do Concello de Ferrol; así como CEIP Unión Mugardesa, do de Mugardos.
Ao abeiro destes acordos de colaboración, a Consellería subvencionará os menús de 425 comensais durante todo o curso escolar, para o que achegará un total de 65.000 euros. Pola súa banda, os concellos comprométense á elaboración dos menús escolares, a repartición e recolla deles nas mesas do comedor; así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.
De acordo coa estratexia de fomento dos hábitos alimentarios saudables que mantén a consellería, os menús deberán ser equilibrados. Ademais, programaranse actividades de promoción da saúde, hábitos alimenticios e habilidades persoais.
Ferramenta de conciliación
Con estes acordos a consellería contribúe á conciliación da vida familiar e laboral daquelas familias ás cales, por non seren usuarios de transporte escolar, non lles correspondería o servizo de comedor escolar subvencionado no seu centro educativo.
Ademais, a Consellería de Educación mantén convenios en termos similares cos concellos de Narón, Muíños e O Bolo. Non en balde, o comedor naceu nas escolas como unha ferramenta para facilitar a xornada lectiva ás alumnas e alumnos do rural, evitándolles longos desprazamentos á hora do xantar que poderían minguar o seu rendemento académico. Con posterioridade, e adaptándose ao ritmo de vida dos nosos días, o comedor escolar foise incorporando progresivamente en outros centros como ferramenta de gran axuda para a conciliación da vida laboral e familiar.