Educación asina un convenio co Ministerio para o financiamento do proxecto de campus de excelencia internacional da Universidade de Vigo

O Campus do Mar “Knowledge in depth”, con representación das tres universidades galegas, recibirá 5,3 millóns de euros

Ven, 10/12/2010 - 14:48

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinará un convenio de colaboración co ministerio do ramo para o financiamento do proxecto de Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar “Knowledge in depth”, coordinado pola Universidade de Vigo, seleccionado o pasado 21 de outubro pola Secretaría General de Universidades do Goberno central como merecedor dunha axuda de 5,3 millóns de euros. Pola súa banda, a Consellería de Educación comprométese a reembolsar esta cantidade nun prazo máximo de 15 anos.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura deste convenio, polo que o ministerio concede á Consellería de Educación un crédito de 5,3 millóns de euros, que irá destinada a executar as actividades previstas na iniciativa Campus do Mar “Knowledge in depth”.

En todo caso, este préstamo será compatible con subvencións, axudas, ingresos ou outros recursos con que poida ser financiado o Campus do Mar, sempre e cando a suma das cantidades obtidas non supere o custo total da actividade que se incentiva.

O proxecto coordinado pola Universidade de Vigo é o segundo en Galicia en acadar o recoñecemento de campus de excelencia internacional, o que representa o triunfo da unión entre as tres universidades galegas nun proxecto común que integra a I+D+i, a empresa, e a excelencia arredor dos eidos mariño e marítimo”.

Coa sinatura deste convenio a Xunta de Galicia demostra o seu apoio ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), que se afianza con este recoñecemento como un referente a nivel internacional en calidade de ensino, no marco desta nova etapa que constitúe o Espazo Europeo de Educación Superior.