A música pop do programa Bocaberta soa con forza estes días para achegarlles a lingua galega aos máis novos

Política Lingüística presentou hoxe no Carballiño Detrás da canción

Xov, 09/12/2010 - 14:24
A música pop do programa Bocaberta soa con forza estes días para achegarlles a l
A música pop do programa Bocaberta soa con forza estes días para achegarlles a lingua galega aos máis novos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou hoxe no Carballiño Detrás da canción, unha das actividades do programa Bocaberta, co que este departamento busca promover o uso do galego entre as franxas de idade máis novas. Para levar a cabo esta actividade, que se basea na música pop en galego  e nas tecnoloxías da información e da comunicación, a secretaría xeral conta coa colaboración da empresa EME2, a través da que participan os grupos Projecto Mounrente e The Homens.

Durante a rolda de prensa, que tivo lugar esta mañá na casa do concello ourensán, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da secretaría xeral, Cristina Rubal, incidiu no programa Bocaberta como “un proxecto que busca crear espazos de uso e aprendizaxe do galego vinculados ao lecer, á modernidade e aos intereses dos nenos e dos mozos”, para promover unha imaxe positiva do idioma e sensibilizar sobre a utilidade e o valor da lingua propia de Galicia.

Na presentación, Cristina Rubal estivo acompañada por por Xocas López, produtor de Eme2 e batería do grupo The Homens, e por Asunción Rivero, concelleira de Educación, Cultura e Deporte do Carballiño. O concello colabora con Política Lingüística nas xestións necesarias para desenvolver a actividade nesta localidade.

Próximas paradas: Ourense, O Carballiño e Celanova

Detrás da canción estará mañá na cidade de Ourense. Ás 18:00 horas terá lugar o obradoiro no Telecentro da cidade e ás 20:00 horas comezará o concerto de The Homens no Auditorio Municipal. O sábado visitará o Carballiño e repetirá horarios, tamén no Telecento e mais no Auditorio Municipal da localidade. Finalmente, o domingo fará gozar os máis novos no concello de Celanova ás mesmas horas. O obradoiro terá lugar no Telecentro do concello e o concerto realizarase no claustro barroco do mosteiro.

Obradoiros de música a cargo de Projecto Mourente

A actividade Detrás da canción consta dun obradoiro de música caseira e dun concerto acústico que percorrerán, no marco do programa Bocaberta, 50 localidades galegas ata o mes de maio. Os obradoiros desta actividade permítenlles aos asistentes coñecer as ferramentas básicas para compoñer, gravar e compartir unha canción de pop, con materiais e programas facilmente manexables. Esta parte da iniciativa está dirixida por Carlos Valcárcel, alma máter do grupo de pop electrónico Projecto Mourente.

Concerto acústico de The Homens

A actividade complétase cun concerto acústico do grupo de pop galego The Homens, que desde o ano 2004 editou dous EP e outros tantos LP nos que combina a melodía pop coa furia do punk e os retrousos cantables. As inscricións nos obradoiros poden facerse a través da web www.detrasdacancion.info.

Para o desenvolvemento desta actividade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística conta co apoio da Secretaría Xeral de Medios, a través da súa Rede de Telecentros de Comunicación, onde se desenvolven a maior parte dos obradoiros de Detrás da canción.

Favorecer o uso do galego e sensibilizar sobre a utilidade e o valor do idioma

A través de Detrás da canción, así como do resto de actividades que conforman Bocaberta, Política Lingüística busca incidir en tres obxectivos fundamentais, que emanan do Plan xeral de normalización da lingua galega. En primeiro lugar, crear espazos de uso e aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á modernidade e aos intereses dos nenos e dos mozos para promover unha imaxe da lingua vinculada a valores positivos. En segundo lugar,  reforzar o uso do galego entre os galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos galegófonos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona. Finalmente, Política Lingüística incide no desenvolvemento de materiais que favorezan o uso da lingua e a sensibilización sobre a utilidade do galego e o seu valor.

Bocaberta 2010-2011 ten programadas 747 accións de diversas tipoloxías, baseadas na música pop, na literatura fantástica, nas tecnoloxías, na maxia, na banda deseñada, nos obradoiros de escrita e de oralidade, nos monicreques etc., que se levarán a cabo por todos os concellos galegos ata o próximo mes de maio.

Menús News node R