A Consellería de Cultura e Educación promoverá nos centros de ensino actividades en prol da corresponsabilidade familiar no coidado das persoas maiores, enfermas e dependentes

O conselleiro asinou hoxe un acordo de cooperación co presidente da Federación Alzhéimer Galicia-FAGAL para concienciar desde a escola da necesidade de atención a este colectivo

Xov, 03/03/2016 - 13:18
conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Federación Alzhéimer Galicia-FAGAL, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, asinaron este mediodía un acordo de cooperación educativa
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Federación Alzhéimer Galicia-FAGAL, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, asinaron este mediodía un acordo de cooperación educativa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da  Federación Alzhéimer Galicia-FAGAL, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, asinaron este mediodía un acordo de cooperación educativa a través do que o departamento educativo da Xunta de Galicia promoverá nos centros de ensino actividades en prol da corresponsabilidade familiar no coidado das persoas maiores, enfermas e dependentes.

A través deste documento a Consellería divulgará e promoverá nos centros de ensino as actividades de educación e promoción das relacións interxeracionais de FAGAL, así como a difusión dos materiais didácticos desenvolvidos por esta federación. Pola súa parte a Federación Alzhéimer Galicia-FAGAL informará puntualmente á Consellería das accións que poña en marcha e facilitará os devanditos recursos para o seu uso polos centros educativos. As accións poderán dirxirse tanto á comunidade educativa non universitaria como á universitaria.

Con este acordo a Consellería afonda no seu compromiso de promover desde o ensino todos aqueles valores inherentes ao principio de igualdade de trato e non-discriminación por calquera condición ou circunstancia persoal ou social. Neste sentido cómpre lembrar que se está desenvolvendo unha ampla política de colaboración con moi diversas entidades en prol da atención á diversidade do alumnado con diferentes necesidades específicas (discapacidade visual, auditiva, etc), ao tempo que, no marco da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 ‘educonvives.gal’, se están elaborando protocolos específicos para atender situacións de alerta sanitaria e dar resposta a cuestións como a identidade de xénero.

FAGAL

A Federación Alzhéimer Galicia-FAGAL ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas que sofren estas enfermidades e dos seus coidadores, tendo entre as súas finalidades promover actuacións destinadas a mellorar a situación das familias e unha mellor atención ás persoas enfermas e desenvolver actividades de sensibilización social. Ao mesmo tempo, traballa para fortalecer as Asociacións de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias (AFAS).