‘Eduemprende Actúa’ leva a experiencia dun mozo emprendedor no eido do software libre ás aulas do IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra)
O director xeral de Educación e o director do IGAPE asistiron hoxe a unha das sesións deste programa, no que participarán máis de 1.700 alumnos de 19 centros educativos de Galicia
A actuación, enmarcada no Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia, ten como obxectivo poñer en valor o talento emprendedor como ferramenta para o desenvolvemento profesional
Arredor de 150 alumnos de segundo curso dos ciclos de FP impartidos no pontevedrés IES Frei Martín Sarmiento participaron hoxe nunha das sesións de ‘Eduemprende Actúa’, programa impulsado pola Xunta de Galicia co fin de poñer en valor o talento emprendedor como ferramenta para o desenvolvemento profesional. O director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; e mais o director do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, asistiron a esta actividade.
O programa desenvólvese en tres fases: unha primeira a cargo de profesorado na aula; unha segunda no centro educativo co persoal do Igape e co emprendedor; e unha terceira na aula para recoller a valoración do alumnado asistente. Esta mañá a actividade foi presentada e coordinada polo director do IES, que deu paso á participación dun técnico do IGAPE, que deu resposta ás dúbidas do alumnado ao respecto. Tras esta introdución, unha persoa emprendedora expón a súa experiencia ás alumnas e alumnos. Neste caso o exemplo foi o de Diego Pino, socio da empresa Igalia, dedicada ao desenvolvemento de software libre para grandes empresas nacionais e internacionais. Formada por máis de 40 persoas, a compañía que axudou a fundar ten oficinas na Coruña e Pontevedra e empregados en Barcelona, Helsinki, Bruxelas, Madrid, San Francisco, ou Boston, entre outros lugares.
Emprendemento e innovación
O director xeral de Educación salientou a importancia deste tipo de actividades para estimular a cultura emprendedora entre os máis novos. Neste sentido lembrou que o congreso ‘Innova FP Galicia’, desenvolvido a pasada semana na Cidade da Cultura, puxo de manifesto o potencial da FP para desenvolver iniciativas e proxectos innovadores que contribúan ao crecemento dos sectores produtivos galegos. Sobre esta base, o emprendemento funciona como unha vía idónea para que os titulados da FP galega accedan ao mercado laboral desde unha posición moi competitiva.
Tal e como explicou o director xeral, o ‘Actúa’ enmárcase no Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia ‘Eduemprende’, desenvolvido polas Consellerías de Cultura e Educación e de Economía, Emprego e Industria; concretamente no eixe estratéxico 1, ‘Sensibilización e motivación’, que agrupa o conxunto de obxectivos e medidas a desenvolver para que a comunidade educativa perciba a importancia de construír e fomentar a cultura emprendedora, para recoñecer no seu contorno actitudes e valores emprendedores, favorecendo a súa integración nos centros educativos e creando unha conciencia emprendedora. Un Plan co que se busca que o emprendemento sexa concibido como unha vía habitual e idónea de acceso ao mercado laboral.
Novos emprendedores
Pola súa parte o director do IGAPE sinalou que, ao abeiro da Lei de Emprendemento e a través da Unidade Galicia Emprende, os novos emprendedores poden acceder a servicios integrais e gratuítos de asesoramento e titoría –entre eles a Rede Galega de Mentores– para elaborar e avaliar os seus plans de empresa, así como a axudas específicas para a posta en marcha de novos proxectos de empresariais. Entre os posibles apoios referiuse en concreto ao programa de microcréditos que convoca cada ano o Instituto adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, e aos préstamos participativos que facilita Xesgalicia a través do Fondo Galicia Iniciativas emprendedoras, sen máis garantías que as asociadas á viabilidade dos proxectos empresariais apoiados.
Nesta convocatoria máis de 1.700 alumnos dun total de 19 centros de ensino de toda Galicia - IES e Centros Integrados de Formación Profesional- de Galicia participarán este curso en ‘Eduemprende Actúa’. A información sobre a actividade pode consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.gal/fp/programa-eduemprende-actua-2016 . Desde o comezo do programa, no curso 2013/2014, en ‘Eduemprende Actúa’ teñen participado máis de 9.300 alumnos de formación profesional e de bacharelato que cursaran “Economía da empresa”