O Consello Galego de Universidades analiza o axuste da oferta destas institucións académicas

Entre outros asuntos, tratáronse os plans de viabilidade de titulacións ou a revogación de plans de estudos, de acordo coas tres universidades

A Consellería de Cultura e Educación convidou a USC, UDC e UVigo a coordinar as accións en materia de bolsas e axudas de apoio ao alumnado, co fin de acadar a máxima eficiencia e eficacia neste eido

Ven, 26/02/2016 - 15:33
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe o Consello Galego de Universidades Autor: Conchi Paz
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe o Consello Galego de Universidades Autor: Conchi Paz

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe o Consello Galego de Universidades, (CGU), nunha reunión na que se analizou o axuste da oferta destas institucións académicas, en concreto as solicitudes de verificacións de titulacións, plans de viabilidade e revogacións. Ademais, a Consellería de Cultura e Educación convidou a USC, UDC e UVigo a coordinar as accións en materia de bolsas e axudas de apoio ao alumnado, co fin de acadar a máxima eficiencia e eficacia neste eido

No referente ás solicitudes de verificación de titulacións para o curso 2016/2017, a ACSUG ten xa informado favorablemente o do Máster en Rehabilitación Arquitectónica da UDC. No referido aos plans de viabilidade das titulacións, a Consellería informou de que a ACSUG emitira informes favorables condicionados ao grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios da UDC, ao grao en Humanidades da UDC e ao grao en Información e Documentación da UDC. As condicións impostas polos avaliadores nestes casos baséanse na falta de programación de actuacións concretas para a mellora do título e indica que non foron atendidos os aspectos e áreas de mellora que se tiñan indicado no informe anterior. Tendo en conta estas circunstancias, non é posible aprobar os planos de viabilidade presentados para estas tres titulacións. Nembargante, para evitar as consecuencias previstas tanto no decreto como na orde, solicitarase á universidade novamente a remisión duns planos de viabilidade que cumpran cada unha das condicións impostas polos avaliadores, de xeito que poidan obter un informe favorable, momento no cal serán sometidos a informe deste pleno.

Por outra banda, a ACSUG emitiu informe favorable aos plans de viabilidade do grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía da USC, grao en Filoloxía Clásica da USC e grao en Filosofía da USC. O CGU deu nos tres casos tamén o informe favorable a estes plans

Revogacións

Asemade o CGU emitiu informe favorable á revogación, acordada coas universidades, de 8 titulacións debido algunha das seguintes circunstancias: non ter sido ofertado durante os dous últimos cursos académicos, non acadar o número mínimo de alumnos requirido pola normativa vixente, ter extinguido o plano de estudos debido a autorización dun novo título ou por iniciativa da propia universidade.

De acordo con isto, deuse o visto e prace á revogación das seguintes titulacións, todas elas de máster universitario:

 

 
UDC
USC
UVIGO

- Ciencia e Tecnoloxía en Termalismo e Balneoterapia, conxunto coa Universidade de Vigo e coordinado pola Universidade da Coruña.

- Biotecnoloxía

- Ciencias Odontolóxicas,

- Dereito das Administracións e Institucións Públicas,

- Filosofía: Cuestións Actuais,

- Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria,

- Ciencia e Tecnoloxía en Termalismo e Balneoterapia, conxunto coa UDC quen o coordina.

- Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares,

Política coordinada de bolsas

Respecto da política en materia de bolsas, a Consellería convidou ás tres universidades públicas galegas a coordinar as accións de todo no eido da política de bolsas e axudas destinadas a estudantes universitarios co fin de xestionar con maior eficiencia os fondos públicos e de acadar un alcance máis eficaz. Neste sentido o departamento educativo da Xunta de Galicia informou hoxe no reunido da Cidade da Cultura, de que a entrada en vigor das disposicións en materia de publicidade recollidas na lei 15/2014, de 16 de setembro, de Racionalización do Sector Público e outras medidas de reforma administrativa obriga a que todas as entidades públicas remitan á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) – dependente do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas- a información relativa ás axudas e subvencións que xestionen. A falta desta comunicación daría lugar a un vicio de anulabilidade nas convocatorias.

A Consellería está a levar a cabo as actuacións necesarias para dar cumprimento á normativa vixente e regulando o procedemento de remisión da información á BDNS. Á vista desta nova situación, solicitouse de novo ás universidades do SUG poñer en común as iniciativas que se desenvolven neste ámbito, compartindo a información sobre as liñas en marcha, orzamentos destinados e obxectivos, co fin de por en marcha unha estratexia común que sirva para sumar esforzos para manter a cohesión social e a igualdade de oportunidades no SUG. “Deste xeito será mais doada a planificación deste tipo de accións que, finalmente deben beneficiar ao estudantado das nosas universidades”, sinalou o conselleiro.

No Consello Galego de Universidades informouse, así mesmo, de que a entrada en vigor - o próximo 7 de marzo- da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece explicitamente que as disposicións do título I serán aplicables “ás universidades do Sistema universitario de Galicia e ás entidades vinculadas ou dependentes delas”, o que supón que estarán sometidas ás novas obrigas de publicidade sobre información institucional, de relevancia xurídica ou en materias como relacións coa cidadanía, contratación pública, convenios, persoal, patrimonio ou información económica e orzamentaria establecidas nesta norma.

Un forte apoio ao alumnado

Respecto do apoio da Xunta ao alumnado o conselleiro lembrou que Galicia mantén un forte sistema de bolsas e axudas públicas. Neste sentido lembrou que no curso 2014-2015 un total de 1827 mozos e mozas beneficiáronse dalgunha axuda da consellería. Para o presente curso 2015-16 mantéñense as liñas de axuda de cursos anteriores. Ademais, axilizáronse as tramitacións das convocatorias co fin de que os beneficiarios podan recibir a axuda o antes posible. Así, xa foron resoltas 3 convocatorias (mobilidade extracomunitaria, matrícula de alumnos de inicio e matrícula de máster para persoas en situación de desemprego) e adiantouse a publicación doutras 4 con respecto a anos anteriores (Erasmus, matrícula de alumnos de continuación, segunda lingua e causas sobrevidas). Deste xeito un total de 340 alumnos e alumnas do SUG xa recibiron as correspondentes bolsas.

A este respecto recordou que a Consellería mantén para o presente curso 2015-16 as liñas de axudas que vén desenvolvendo nos últimos cursos. Así, foron xa resoltas as convocatorias destinadas á mobilidade extracomunitaria, que beneficiaron a un total de 140 alumnos e alumnas das universidades do SUG e para os que se destinou un crédito de 154.000 euros, 54.000 máis que no curso anterior; así como foron tamén concedidas 130 axudas destinadas ao pagamento da matrícula ao alumnado que inicia estudos universitarios e, cumprindo o resto de requisitos da convocatoria do Ministerio do ramo, contan cunha media de expediente entre o 5 e o 5,5, que supuxeron un total de 83.429 euros. A estes hai que sumar os 70 egresados que estando en situación de desemprego resultaron beneficiarios das axudas para o pagamento da matrícula nun máster nas universidades galegas.

Ademais, xa se tramitaron outras 4 convocatorias, nomeadamente as axudas de mobilidade complementarias ás concedidas pola Unión Europea e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no marco do programa comunitario Erasmus+, ás que se dedica un orzamento inicial de 1,4 millóns de euros - o que supón un incremento de 100.000 euros respecto da anterior convocatoria-; as axudas a estudantes universitarios de segundo e posteriores cursos matriculados nas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso 2015-2016, convocatoria dotada con 200.000 euros; as axudas a estudantes universitarios para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2016, co obxecto de coñecer a lingua dese país, que conta cun orzamento de 135.000 €; e as axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios neste curso académico 2015/16 nas universidades do SUG, que por causas sobrevidas e imprevistas teña dificultades económicas para continuar estudos, para o cal se destina un crédito de 100.000 euros.