‘FalaRedes 2016’ leva a Marín a poesía de Manuel María da man de Uxía e de Magín Blanco coa actividade 'Todo me fala de ti'
Será a segunda cita co espectáculo inspirado no poeta da Terra Cha, logo do éxito da estrea do programa en Ourense a pasada fin de semana
A biblioteca pública marinense acolle o sábado un concerto dirixido á cativada desde os 5 anos e ás súas familias
A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade da sala
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’, promovido pola Consellería de Cultura e Educación –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, pechará as actuacións deste mes de febreiro no concello pontevedrés de Marín.
Será na biblioteca pública municipal Vidal Pazos, a partir das 18:00 horas do sábado 27 de febreiro, onde o bo facer musical de Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro fará gozar o público marinense co espectáculo 'Todo me fala de ti'. É a segunda cita do espectáculo do 'FalaRedes', logo da estrea a pasada fin de semana en Ourense, con grande éxito de público, coincidindo coa celebración institucional a véspera do Día Internacional da Lingua Materna.
Homenaxe a Manuel María
'Todo me fala de ti', que foi a proposta encargada de inaugurar esta quinta edición do programa 'FalaRedes', é unha actividade de dinamización lingüística moi especial, xa que ademais da promoción do lecer en lingua galega é ao tempo unha fermosa homenaxe musical a Manuel María, o autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
No escenario, Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro engaiolan o público familiar a través dun fío de pezas creadas a partir dos textos do poeta da Terra Cha. Así, á vez que se difunde a obra de Manuel María entre a xente miúda, amplían o repertorio de música infantil en galego coas cancións do seu disco Canta o cuco.
Un feixe de cancións bonitas e sinxelas de aprender para gozar durante o concerto e con melodías contaxiosas chamadas a quedar gravadas no espazo familiar. Coma sempre no ‘FalaRedes’, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade da sala.
Próximas paradas do 'FalaRedes' en Frades e Cerceda
As vilas coruñesas de Frades e Cerceda acollerán as próximas citas deste 'FalaRedes 2016' xa durante a primeira fin de semana de marzo.
En ambos os dous casos a estas vilas chegará o espectáculo 'A Viaxe de Rosalía', recentemente presentado ao fío do 24 de febreiro, data destacada no calendario de celebracións da lingua galega por conmemorarse o 179º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. O sábado 5 de marzo os monicreques de Larraitz Urruzola estarán durante a mañá no local Multiúsos do Concello de Frades, desde as 11:30 horas. E o domingo 6 de marzo será a vila de Cerceda a que acolla no seu Auditorio Municipal a partir das 18:00 horas este espectáculo de monicreques de mesa e música que nos amosa a vida e a personalidade da nosa autora máis universal, Rosalía de Castro.
O espectáculo 'Todo me fala de ti' volverá aos escenarios de 'FalaRedes' a partir do mes de abril en diversas localidades da RDL e ata maio de 2016. Será nos concellos da Coruña, Ferrol, Ribeira, Santiago de Compostela, Burela, Vilalba, O Barco de Valdeorras,O Carballiño, Cangas, A Estrada, O Grove, Vilagarcía de Arousa e Ponteceso (en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal). O calendario completo estará dispoñible proximamente no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais do programa ‘FalaRedes’ e na Axenda de Cultura de Galicia.
‘FalaRedes’
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística.
Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.
Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.