O Congreso ‘Innova FP Galicia’ amosou o músculo da formación profesional e o seu potencial como viveiro de investigación e innovación para o desenvolvemento dos nosos sectores produtivos

O conselleiro de Cultura e Educación clausurou hoxe o encontro salientando a potencialidade dos centros que imparten estas ensinanzas para a modernización tecnolóxica

Román Rodríguez fixo fincapé na estreita colaboración entre a FP e a pequena e mediana empresa, así como nas oportunidades de empregabilidade que supón cursar un ciclo na nosa Comunidade

Xov, 25/02/2016 - 13:49

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, clausurou hoxe o congreso  ‘Innova FP Galicia’, un evento no que a Formación Profesional amosou o seu músculo e o seu potencial como viveiro de investigación e innovación para o desenvolvemento dos nosos sectores produtivos. Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou o excelente traballo de profesorado e alumnado que durante os dous días que durou o congreso deron a coñecer 57 proxectos tanto do sector industrial, como referidos a servizos e diversidade social, nos que participaron 33 centros educativos e colaboraron 79 empresas. No acto participou tamén o director xeral de FP do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Ángel de Miguel Casas.

Román Rodríguez fixo fincapé tamén na estreita colaboración entre a FP galega e a pequena e mediana empresa, o que redunda nunha contribución directa da FP na mellora continuada dos seus procesos produtivos, no incremento da súa competitividade e na súa internacionalización.

Unha FP preparada para o futuro

Isto é posible, segundo explicou, grazas ao modelo de Formación Profesional da nosa Comunidade, adaptado á realidade socioeconómica mediante a especialización por sectores produtivos, e que promove un maior achegamento ás empresas mediante modalidades como a FP dual e a Rede de Viveiros de empresas en centros educativos. En definitiva un sistema de FP flexible e eficiente, que impulsa a investigación e innovación e que potencia o espírito emprendedor do alumnado.

O conselleiro quixo sinalar, así mesmo, a oportunidade que cursar un ciclo formativo en Galicia supón para a empregabilidade dos seus titulados, profesionais que adquiren a máis alta cualificación no seu ámbito e que, tal e como quedou de manifesto neste congreso, están preparados para avanzar na innovación tecnolóxica.

Román Rodríguez quixo agradecer o esforzo suplementario realizado polos docentes e equipos directivos na preparación de ‘Innova FP Galicia’, o compromiso e responsabilidade do alumnado  e a presenza das empresas, organismos e institucións presentes no congreso. Empresarios que nestas dúas xornadas puideron  comprobar que a innovación vai ser a clave para facer os seus negocios máis competitivos nun mercado global, e que a FP está preparada para darlles resposta ás súas necesidades.

O evento

‘Innova FP Galicia’ reuniu durante a xornada de onte e de hoxe na Cidade da Cultura de Galicia a centros educativos, alumnado, profesorado, empresas e diversos axentes e organismos vinculados á formación profesional. Neste marco os asistentes puideron coñecer de primeira man os proxectos de innovación desenvolvidos polos centros en colaboración das empresas, algúns deles premiados no certame de Premios a proxectos de innovación na FP convocado pola Consellería de Cultura e Educación.

Os participantes no congreso puideron asistir, así mesmo, a relatorios e mesas redondas nas que se afondou sobre o papel da FP Dual como estratexia de innovación ou dos centros de FP como provedores de I+D nas PEME, e nos que se contou coa colaboración de empresarios e asociacións profesionais, docentes e directores de centros de FP, así como de un experto en coaching e intelixencia emocional, entre outros axentes especializados.