A Xunta e as Fundacións Botín e Barrié impulsan o programa ‘Educación Responsable’ para a formación do profesorado e a mellora da convivencia escolar
Trátase dun proxecto innovador, que abarca a toda a comunidade educativa e que incide, sobre todo, na educación emocional, na educación social e na creatividade
A iniciativa desenvolverase ao longo de tres anos en catorce centros de Galicia, coa participación de 176 profesores e máis de 2.800 alumnos de entre tres e dezaseis anos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Barrié e a Fundación Botín colaboran na implantación do programa ‘Educación Responsable’ para a formación do profesorado e a mellora da convivencia nos centros escolares de Galicia.
Esta mesma mañá, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera; e mailo director xeral da Fundación Botín, Íñigo Sáenz de Miera; asinaron un documento para o desenvolvemento desta iniciativa co obxectivo de darlles resposta ás necesidades e demandas do sistema educativo.
O programa ‘Educación Responsable’ é unha iniciativa promovida pola Fundación Botín dirixida ao conxunto da comunidade escolar que incide na formación do profesorado e na posta en marcha de actividades para traballar nos eidos da educación afectiva, na educación social e na creatividade co fin de mellorar a comunicación e a convivencia. Trátase, por tanto, dun proxecto innovador, que abarca a toda a comunidade escolar (docentes, alumnado e familias) e que incide, sobre todo, no ámbito emocional e da comunicación, con efectos na mellora da convivencia a nivel xeral.
Galicia incorpórase a este proxecto coa participación de catorce centros escolares, aínda que no futuro poderán sumarse novos colexios de forma paulatina; 176 profesores e máis de 2.800 alumnos e alumnas de entre tres e dezaseis anos de idade.
Estrutura do programa
O programa implántanse en cada centro ao longo de tres anos. No primeiro ano a Consellería, a través do equipo de expertos creado a tal efecto, forma en liña a un grupo de profesores dos centros galegos integrados nesta iniciativa, aínda que no futuro poderán incorporarse novos centros de xeito paulatino. No segundo ano, a través de grupos de traballo creados en cada centro, os docentes formados comparten a aplicación con outros profesores do centro. E finalmente no terceiro ano de implantación, cada centro, implicando a totalidade do profesorado, aplicará de forma intensiva o programa. Isto é, que cada centro traballa no proxecto co fin de que, logo de tres anos, estea en disposición de darlle continuidade de forma autónoma.
Apoio técnico da Consellería
Para tal fin a Consellería, en colaboración coa Fundación Barrié, encargouse de constituír o equipo base interdisciplinario, de seleccionar os centros participantes nesta experiencia piloto, facilitar os espazos para levar a cabo as actividades e facilitar a participación dos centros da rede de formación permanente do profesorado na implantación do programa e permitir a súa inclusión na Rede Nacional de Centros de Educación Responsable. O departamento de Educación da Xunta dálle soporte a este proxecto a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), que ofrece apoio técnico así como o asesoramento necesario para o desenvolvemento do proxecto.
Ademais, a Fundación Barrié financia os gastos derivados da docencia, formación presencial, recursos e bibliografía necesaria para implantar os distintos recursos en todos os centros participantes seleccionados; así como colaborar no deseño e programación das actividade expositivas que se leven a cabo; entre outros.
Pola súa banda, a Fundación Botín asume a formación en Educación Responsable dos profesionais que integran o equipo base proposto pola Consellería e a Fundación Barrié. O fin é que estes profesionais se preparen como formadores de formadores do profesorado dos centros participantes. Deste xeito, a Fundación Botín encárgase da formación presencial dos coordinadores de centros, da formación dos módulos de desenvolvemento afectivo, cognitivo e social; e da formación dos titores en liña, entre outros.