Preto de 1.700 persoas realizaron en Galicia os últimos exames do ano de certificación de coñecemento da lingua galega

Política Lingüística levou a cabo as probas da convocatoria de novembro nas cidades galegas e mais noutros puntos de España e do resto de Europa

Sáb, 04/12/2010 - 12:00
Inscritos nas probas do Celga realizando o exame
Inscritos nas probas do Celga realizando o exame

Un total de 1.679 persoas presentáronse aos exames Celga que organizou a Secretaría Xeral de Política Lingüística nas últimas dúas fins de semana pasadas, os días 20, 21, 27 e 28 de novembro. A participación en Galicia segundo os distintos niveis foi, no Celga 1, de 124 persoas. Os que realizaron os exames do Celga 2 sumaron un total de 325, mentres que os que se presentaron ás probas do Celga 3 foron 541. Finalmente, as persoas que realizaron os exames do Celga 4 foron 689.

Nas próximas semanas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fará públicos os resultados das probas. Na convocatoria de maio, a primeira de 2010, foron 1.400 as persoas que conseguiron o Certificado de lingua galega nalgún destes catro niveis.

En Galicia, os exames leváronse a cabo nas escolas oficiais de idiomas das cidades de Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela. Ademais, outras 11 cidades do resto de España e de Europa acolleron a celebración das probas. En España tiveron lugar en Alacante, Barcelona, Granada, Bilbao, Madrid, Murcia, Salamanca e Vitoria. Tamén se realizaron exames dos niveis 1 ao 4 na Universidade de Heidelberg (Alemaña), na Universidade de Oxford (Reino Unido) e mais no Instituto Cervantes de París (Francia).

Potenciar a aprendizaxe do galego entre a poboación adulta

Anualmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca probas para a obtención dos certificados acreditativos de coñecemento da lingua galega, así como cursos para prepararse para elas. Ambas as dúas iniciativas enmárcanse dentro dunha das principais liñas de actuación do departamento que dirixe Anxo Lorenzo e que ten como obxectivo potenciar a aprendizaxe do galego por parte da poboación adulta.

Para lograr un maior uso, Política Lingüística ten a tarefa de procurar as garantías dunha plena competencia lingüística en galego da sociedade. Con este fin, a secretaría xeral  realizou este ano máis de 200 cursos Celga. Ademais destes, desenvolveuse un amplo programa de cursos de linguaxes específicas e os de extensión cultural tamén forman parte deste plan de formación.

Sistema de formación en liña

Este ano a gran novidade que impulsou Política Lingüística foi poder ofrecer esta formación a distancia por vez primeira. O pasado mes de setembro presentouse o primeiro curso Celga en liña, co que arranca un ambicioso sistema de formación a través da rede que se completará proximamente co primeiro curso en liña de linguaxe xurídica galega e de linguaxe administrativa galega.

Menús News node R