A Consellería de Cultura e Educación colaborará coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para mellorar a atención do alumnado xordo, xordocego e con discapacidade auditiva
O conselleiro e o presidente desta entidade asinaron hoxe un convenio de cooperación a través do que fortalecerá a formación do profesorado para a atención desta diversidade
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha, asinaron hoxe un convenio de cooperación educativa para mellorar a atención do alumnado xordo, xordocego e/ou con discapacidade auditiva. Deste xeito afóndase no compromiso da Xunta coa atención á diversidade das nenas e nenos escolarizados no sistema educativo galego, dando resposta ás súas necesidades específicas de atención educativa.
Ao abeiro desta cooperación, a Consellería comprométese a afondar na formación do profesorado que atenda a alumnado que presente estas características. Igualmente, sempre que o soliciten, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria facilitará a colaboración do persoal profesional da FAXPG nos centros docentes que conten con alumnado xordo, xordocego e/ou con discapacidade auditiva, tanto para asesorar a profesorado e familias sobre a atención educativa destes estudantes como para orientar sobre as metodoloxías axeitadas para a intervención educativa.
Por outra parte, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a FAXPG colaborarán na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado xordo, xordocego e/ou con discapacidade auditiva no eido educativo.
Co mesmo obxectivo, e a solicitude dos centros educativos que así o requiran, a FAXPG poderá poñer á súa disposición os diferentes recursos e axudas técnicas dos que dispoña para a atención a este alumnado.
Á sinatura asistiron, ademais, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e o xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana.