O conselleiro de Educación destaca na inauguración do Foro 2010-Compostela a importancia da educación para o mantemento da paz e o avance da sociedade

Xesús Vázquez Abad asistiu hoxe á apertura deste encontro, que converte este mes á capital galega nun referente educativo e da construción da cultura da paz

Ven, 03/12/2010 - 17:17
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, no ac
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, no acto de inauguración do Foro 2010

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe a importancia da educación como factor fundamental para a construción dunha cultura da paz, durante o  acto de inauguración do Foro 2010, que se desenvolve este mes en Santiago de Compostela para o fomento da Cultura da Paz.

Xesús Vázquez Abad explicou que “a educación é a mellor solución aos graves problemas da nosa sociedade, porque educar é avanzar, elevar os niveis sociais, crear riqueza, combater a crise actual”.

Así, o conselleiro felicitou ao organizadores do Foro 2010-Compostela “por promover iniciativas lexislativas de fomento da educación e a cultura da paz adecuadas a cada realidade concreta, propiciando estruturas de participación e recursos específicos para facer viable a idea de que non hai paz sen educación e investigación para a paz”.

Deste xeito, a Consellería de Educación presta o seu apoio a este Foro 2010-Compostela, un encontro que se desenvolverá ao longo deste mes de decembro en diferentes locacións da cidade de Santiago de Compostela, e que converte Galicia e á capital do Xacobeo  nun referente internacional na educación, a investigación e a cultura da paz. Neste acto estiveron ademais presentes o director xerente do Xacobeo 2010, Ignacio Santos; o alcalde de Santiago, Xosé Antón Sánchez Bugallo; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; o presidente do comité organizador do Foro 2010, Federico Mayor Zaragoza; e o secretario coordinador do Foro 2010, Manuel Dios Diz; entre outras autoridades.

Balance e retos

O obxectivo deste encontro é realizar unha análise crítica e balance sobre o estado da educación, a investigación e a cultura da paz, afondando nas súas carencias e desafíos, tanto no ámbito local como nacional e internacional.

Así, a través do intercambio de experiencias e boas prácticas, pretende contribuír á consolidación de redes de paz entre a sociedade civil, promover iniciativas lexislativas de fomento da educación e a cultura de la paz axeitados a cada realidade concreta, propiciando estruturas de participación e recursos específicos para facer estes fins viables.

Ademais, neste foron avaliarase o grao de cumprimento de programas como o da 'Década da Cultura da Paz e a non violencia para todos os nenos e nenas do mundo (2001-2010)', os Obxectivos do Milenio ou o Programa de Acción para a Alianza de Civilizacións.

Así, a partir do Foro 2010-Compostela preténdese construír e consolidar unha interlocución estable coas institucións internacionais, os gobernos e demais institucións públicas e probadas, en materia de educación, investigación e paz.