A Consellería de Educación e o Museo Etnográfico de Lalín colaborarán para achegar as tradicións galegas aos escolares

Xesús Vázquez Abad asinou hoxe un convenio co concello de Lalín e a Asociación Etnográfica de Codeseda para a organización de actividades escolares no espazo do museo

Ven, 03/12/2010 - 13:42
o conselleiro, Xesús Vázquez Abad; o alcalde do concello pontevedrés, Xosé Cresp
O conselleiro, Xesús Vázquez Abad; o alcalde do concello pontevedrés, Xosé Crespo Iglesias; e o presidente da Asociación Etnográfica de Codeseda, Manuel Blanco Villar na sinatura do convenio

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vai fomentar o achegamento dos escolares ás tradicións e etnografía galega a través dun convenio de colaboración co Concello de Lalín e o Museo Etnográfico ‘Casa do Patrón’ da localidade. Dito acordo foi asinado hoxe polo conselleiro, Xesús Vázquez Abad; o alcalde do concello pontevedrés, Xosé Crespo Iglesias; e o presidente da Asociación Etnográfica de Codeseda, Manuel Blanco Villar. Deste xeito quérese fomentar o coñecemento por parte dos máis novos das raíces da cultura galega.

Os labores de ambas entidades, Consellería e Museo, únense a través deste convenio, no que participa o Concello, co desenvolvemento de visitas e actividades formativas dirixidas ás alumnas e alumnos de educación obrigatoria. Asemade, este acordo permitirá a realización de labores de difusión, de tal xeito que os escolares poidan ter uns coñecementos máis completos e próximos sobre todo os temas relativos á etnografía e tradicións galegas. Ao mesmo tempo, e  ao abeiro deste convenio, poderase completar a formación do profesorado no eido da cultura tradicional galega.

As actividades

Segundo o acordado, a Consellería comprométese a dar difusión no eido educativo ás actividades e programas desenvolvidos polo Museo Etnográfico; entre as que destacan as visitas guiadas de escolares aos tres edificios que conforman a ‘Casa do Patrón’, que albergan unha colección de máis de 3.000 apeiros de todo tipo. Estes aparellos, pertencentes a toda a Comunidade Aut siónoma, representan profesións tradicionais de toda Galicia, polo que estas excursións representan unha oportunidade para que os escolares se acheguen ás nosas tradicións ancestrais.

Pola súa banda, o Consello de Lalín colaborará coa Consellería e co Museo Etnográfico nas actividades que se desenvolvan ao abeiro deste convenio, e contribuirá á súa difusión nos centros escolares da localidade.

Con este convenio a Consellería mostra o seu apoio ao traballo desenvolvido polo Museo e demais entidades que teñen como obxectivo a difusión, estudo e preservación das tradicións galegas.