A Consellería de Cultura e Educación creará 450 novos postos escolares no novo CEIP de Mesoiro, na Coruña
O departamento educativo da Xunta comunicou hoxe por carta ao Concello a parcela escollida para a construción do novo centro, que contará con 18 unidades de infantil e primaria
Segundo as previsións iniciais o investimento podería superar os 3,8 millóns de euros
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicou hoxe por carta ao Concello da Coruña a parcela escollida entre as dúas propostas polo goberno municipal para a construción do novo CEIP de Mesoiro. Con esta nova instalación educativa, para que se prevé un investimento de máis de 3,8 millóns de euros, o departamento educativo da Xunta de Galicia creará 450 novos postos escolares de infantil e primaria, suficientes para dar cobertura ás necesidades de escolarización da zona nos vindeiros cursos.
A construción do novo centro vén a dar resposta á demanda formulada polas comunidades educativas dos CEIP Manuel Murguía e Alborada, que solicitaban a creación de novas prazas que se axustasen ao incremento de poboación na zona rexistrado nos últimos anos.
Posibilidade de ampliación
Segundo o informe remitido ao Concello da Coruña, a Consellería decántase por unha parcela de 8.800 metros cadrados orientada ao sur –por tanto cun bo soleamento durante todo o ano, o que redundará na eficiencia enerxética do edificio- e con vistas abertas sobre o val de Feáns e os montes da Zapateira. Das dúas parcelas propostas polo goberno municipal esta é a que mellores condicións topográficas e de accesibilidade presenta, ao contar cunha zona de posible aparcadoiro e chegada de autobuses nas inmediacións.
A cualificación urbanística da parcela é, ademais, o uso docente, polo que non habería que realizar modificacións nese sentido, o que axiliza o comezo das obras. En calquera caso, a Consellería solicitou ao Concello a realización dos trámites necesarios para a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municiapl (PXOM)e a aprobación dun plan especial de dotacións, co obxecto de ampliar a parcela e dotala da superficie mínima edificable de 12.150 metros cadrados, de xeito que quede garantida a posibilidade de ampliación do futuro centro educativo de liña 2 (18 unidades) a un posible liña 3 (27 unidades), en función da evolución da matrícula no centro. Ao mesmo tempo, e tal e como xa propuxera o propio goberno municipal no seu informe, o Concello deberá iniciar o traslado dos hortos urbanos instalados nestes terreos á maior brevidade posible, para evitar atrasos no inicio dos traballos de edificación.
Condicións do solar
Ademais destas condicións, o borrador de convenio para a cesión e aceptación da parcela enviado hoxe ao Concello indica que o ente municipal deberá poñer a disposición, sen cargas e gravames, o predio cos usos urbanísticos e infraestruturas que garantan a súa condición de solar, é dicir, acceso por vía pública pavimentada e servizos urbanos de abastecemento de auga potable, evacuación das augas residuais á rede de saneamento, subministro de enerxía eléctrica e alumeado público, en condicións de caudal e potencia axeitadas para os usos permitidos, así como os correspondentes permisos, licencias e autorizacións necesarios, incluída a de levar a cabo os estudos xeotécnicos.
Así mesmo o Concello, como é habitual no caso dos centros educativos de infantil e primaria, deberá asumir a explotación, mantemento e conservación das instalacións do novo CEIP.