A Rede de Formación do Profesorado da Consellería de Cultura e Educación afonda no marco de competencias profesionais docentes

O conselleiro deu hoxe a benvida aos integrantes do grupo de traballo europeo que desenvolven, xunto co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), este proxecto

Lun, 25/01/2016 - 11:48
Román Rodríguez deu a benvida aos integrantes do grupo de traballo que participan na definición dun Marco de Competencias Profesionais Docentes
Román Rodríguez deu a benvida aos integrantes do grupo de traballo que participan na definición dun Marco de Competencias Profesionais Docentes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida a Galicia aos integrantes do grupo de traballo que, ao abeiro do programa europeo KA2 Erasmus+, participa na definición dun Marco de Competencias Profesionais Docentes. O encontro celebrouse no marco da visita a Galicia que este grupo fai e na que, xunto co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), traballará sobre a mellora da calidade da docencia, incluíndo diversas actividades sobre o contexto socioeducativo galego, que van desde a visita ao CPI de Atios para a observación dun caso de boas prácticas docentes, ata a análise sobre os novos eixos da formación do profesorado, amén do avance no desenvolvemento do citado Marco Común de Competencias.

Durante a xuntanza o conselleiro incidiu na necesidade de afondar nas necesidades de formación dos docentes. Precisamente, a Consellería está a liderar o proceso de formación dun grupo de traballo coas facultades de ciencias de educación neste sentido, co fin de que a práctica docente e o traballo que se desenvolve na Rede de Formación do Profesorado sirvan como material para a universidade. O obxectivo é acadar unha mellora progresiva da función docente como o piar fundamental da calidade do ensino.

O proxecto

O grupo está a traballar na definición e desenvolvemento dun Marco de Competencias Profesionais Docentes, un proxecto que parte dunha perspectiva integral, de xeito que se identifica a función do docente nos distintos contextos nos que actúa e nos distintos roles que adopta: como educador/a e guía no proceso e aprendizaxe do alumnado, como especialista na súa materia, como investigador/a e innovador/a, como comunicador/a en linguas maternas e estranxeiras, como competente TIC, como interlocutor/a referente e como membro dunha organización. A partires de aí, deséñase unha descrición estruturada de todas as cualidades, habilidades, aptitudes, destrezas e capacidades que son precisas para unha excelente práctica docente.

Ademais de polo CAFI, o grupo está conformado por axentes de recoñecida experiencia neste eido, como son a Universidade Pedagóxica de Viena, o Le Français En Escosse (LFEE) de Escocia, o Ugdymo Pletotes Centras (Vilnius, Lituania), a Consejería de Educación da Junta de Castilla y León, e o Instituto Politécnico de Leiria, Leiria, Portugal