A Axencia de Calidade do Sistema Galego de Universidades obtén un novo recoñecemento europeo
Educación congratulase pola obtención do certificado EQAR que permitirá á ACSUG avaliar as solicitudes de títulos oficiais realizadas polas universidades
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria congratulase da obtención dun novo recoñecemento a nivel europeo. Nesta ocasión trátase da Axencia de Calidade do Sistema Galego de Universidades (ACSUG), que foi incluída no Rexistro Europeo de Axencias de Calidade (EQAR). Deste modo logra o seu segundo recoñecemento europeo en menos dun ano, xa que desde o 16 de novembro de 2009 a ACSUG é membro de pleno dereito de ENQUA(rede europea de axencias de calidade das universidades).
Na actualidade son 29 as axencias de calidade, distribuídas en 23 países europeos, as que teñen o EQAR. As últimas españolas en incorporar este certificado foron a propia ACSUG e a axencia do sistema universitario de Castela e León (ACSUCYL).
O EQAR foi creado polos órganos europeos representantes das axencias de garantía de calidade, estudantes, universidades e outras institucións de educación superior. O obxectivo deste certificado é o de incrementar a transparencia da calidade da educación superior en Europa. O EQAR é un rexistro onde se inclúe aquelas axencias de calidade que operan no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) considerándoas solventes, dignas de confianza e con credibilidade.
Cómpre recordar que para que a ACSUG sexa admitida tivo que evidencias ante un comité externo independente que cumpría na súa totalidade coas liñas xerais e estándares Europeos para o aseguramento da calidade universitaria (ESG).
Avaliación de títulos
De acordo con isto a ACSUG ten desde agora a capacidade de avaliar a solicitude de novos títulos das universidades. Con isto cúmprese cun dos requisitos indicados nas instrucións publicadas pola Consellería de Educación sobre o procedemento a seguir para a autorización de títulos oficiais (grao, máster universitario e doutoramento) que se desexen implantar no vindeiro curso. Segundo estas instrucións na solicitude de verificación, a efectos do informe de avaliación, as universidades do SUG sinalarán que este sexa efectuado pola ACSUG, da cordo co disposto no Real Decreto 861/2010 de 2 de xullo que lles esixe ser membros de pleno dereito de ENQA e máis EQAR para poder realizar esta labor.