Román Rodríguez define a diversidade do alumnado como un valor e unha oportunidade para mellorar o sistema educativo
O conselleiro de Cultura e Educación visitou o CPI da Cañiza, onde se reuniu con membros da Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo (TEAVi), que elaboraron unha guía con orientacións específicas para empregar nas aulas
Lembrou que o seu departamento xa puxo en marcha varias iniciativas para mellorar a convivencia e inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais, como o protocolo sobre TDAH ou o de Atención en urxencias sanitarias
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo hoxe no CPI da Cañiza unha xuntanza con representantes da Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo (TEAVi), que recentemente elaboraron unha guía de estratexias coa que facilitar a inclusión educativa do alumnado con este tipo de problemática.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia -quen agradeceu e puxo en valor o traballo realizado polos cinco pais e nais que conforman a comisión de educación de TEAVi- destacou o labor que está realizando o seu departamento en aras de garantir a atención á diversidade do alumnado, entendéndoa como un valor e unha oportunidade para seguir mellorando o sistema educativo no seu conxunto.
De feito, cómpre salientar que a Consellería traballa en prol dun sistema baseado na igualdade de oportunidades e que axude a desenvolver a autonomía persoal de cada alumno e alumna, así como as súas potencialidades.
Protocolos para cada casuística
Deste xeito, o conselleiro lembrou os pasos xa dados para atender as especificidades do alumnado galego, co obxectivo de mellorar a súa inclusión e convivencia dentro da aula. Proba disto é o primeiro protocolo a nivel autonómico para avanzar na prevención e atención temperá do TDAH (Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade), así como os desenvoltos ao abeiro da Estratexia galega de convivencia escolar 2015-2020, tales como o Protocolo de Atención en urxencias sanitarias e atención educativa ao alumnado con enfermidade crónica (cunha addenda específica sobre a diabete) ou o recentemente publicado Protocolo de Atención educativa domiciliaria.
Así mesmo, mantense colaboración neste sentido coas diferentes asociacións implicadas, por exemplo as Fundacións María José Jove e Ingada, coas que se asinou un convenio para a formación do profesorado que trata alumnado con TDAH.
A Consellería, por tanto, está dotando aos centros dunha serie de ferramentas que pretenden facilitar o día a día nas aulas, promovendo a formación específica do profesorado ou ofrecendo unha serie de orientacións útiles para saber actuar no primeiro momento ante unha posible emerxencia médica.
Neste contexto, a guía elaborada agora por TEAVi afonda na atención educativa dos nenos e nenas con autismo, apuntando unha serie de recomendacións para traballar na aula con estes estudantes e á hora de manter contacto coas familias.
Máis de 3.300 profesionais
Ademais de desenvolver novos recursos técnicos, o departamento educativo da Xunta tamén incrementou os recursos humanos para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais. Este curso, máis de 3.300 profesionais –entre especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, coidadores, orientadores e intérpretes de linguaxe de signos– están dedicados a este labor.
Na reunión, á que tamén asistiu o alcalde do concello, Miguel Adolfo Domínguez Alfonso, así como o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, abordáronse outros temas de interese para o municipio.