O conselleiro de Educación visitou varios centros educativos da provincia de Ourense
Xesús Vázquez Abad desprazouse ata os CEIP de Sarreaus, Sandiás e Vilar de Barrio
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe os CEIP de Sarreaus, Sandiás e Vilar de Barrio, da provincia de Ourense, onde se interesou polo funcionamento das distintas iniciativas de fomento da calidade do ensino, tales como o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
Vázquez Abad aproveitou ademais para se interesar polo estado das instalacións dos distintos centros, así como polas necesidades educativas da comunidade escolar. Nestas visitas o conselleiro estivo acompañado pola xefa territorial de Educación na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira; polos equipos educativos dos respectivos centros e por representantes dos tres Concellos.
Melloras en Sarreaus
Así, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia estivo a primeira hora da mañá no CEIP de Sarreaus, onde anunciou un investimento de 65.000 euros que a Xefatura Territorial de Educación na provincia de Ourense ten previsto facer para mellorar o pavillón no centro. “Serán uns traballos de pavimentación”, explicou o conselleiro, “para que as 36 alumnas e alumnos do colexio teñan unhas instalacións nas mellores condicións para facer deporte”. Vázquez Abad visitou a biblioteca do centro, que acaba de recibir da Consellería apoio económico para incrementar os seus fondos. Ademais, o conselleiro comprobou a chegada dos novos equipamentos informáticos que a Consellería repuxo neste centro.
Posteriormente o conselleiro visitou o CEIP de Sandiás, que recibiu un importante apoio por parte da Consellería para que as súas 44 alumnas e alumnos teñan unha biblioteca máis completa e con volumes actualizados.
Finalmente, Xesús Vázquez Abad achegouse ata o CEIP de Vilar de Barrio, onde comprobou a implantación do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. De feito, o de Vilar de Barrio é centro plurilingüe desde este mesmo curso, e conta con tres seccións bilingües, co que máis do 70% do alumnado do colexio ve especialmente reforzadas as súas competencias lingüísticas.
O conselleiro interesouse ademais polas actividades desenvolvidas neste colexio ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, e do investimento de 5.800 euros que a Consellería ten feito para mellora dos programas e fondos da súa biblioteca.
Con estas visitas Xesús Vázquez Abad continúa a achegarse á realidade dos centros educativos galegos, coñecendo de primeira man as súas necesidades e intereses, co fin de que toda a comunidade escolar traballe conxuntamente por un sistema educativo de calidade