Román Rodríguez felicita os galardoados cos premios extraordinarios de fin de carreira, que representan a excelencia educativa do sistema universitario galego

A Consellería de Cultura e Educación destinou preto de 200.000 euros a estes galardóns, que recoñecen o esforzo e o traballo de 77 alumnos e alumnas que remataron os seus estudos no curso 13-14

Mar, 29/12/2015 - 13:35
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu esta mañá o acto de entrega dos Premios Extraordinarios de Fin de Carreira
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu esta mañá o acto de entrega dos Premios Extraordinarios de Fin de Carreira

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu esta mañá o acto de entrega dos Premios Extraordinarios de Fin de Carreira a 77 alumnos e alumnas que remataron dun xeito brillante os seus estudos universitarios no curso 2013-2014, nun acto ao que tamén asistiron os reitores das Universidades da Coruña e de Santiago, Xosé Luís Armesto, e Juan Viaño respectivamente, a vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores González, e o secretario xeral de Universidades José Alberto Díez de Castro.

Estes galardóns, que convoca a Xunta de Galicia desde hai 24 edicións, teñen como finalidade valorar o traballo, esforzo e excelencia das mellores traxectorias académicas dos estudantes das universidades galegas e por tanto son -en palabras do conselleiro de Cultura e Educación- “un recoñecemento social á excelencia educativa no eido universitario”.

Dirixíndose aos premiados, Román Rodríguez transmitiulles que representan “un orgullo para o país”, e emprazounos a “ser solidarios” e poñer o seu talento e intelixencia “á disposición de Galicia”. Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación dixo sentir orgullo das universidades galegas e tamén de todos os premiados e premiadas por ser “protagonistas dun momento histórico no que a Universidade é o principal foco de xeración e creación de talento”.

Neste senso, Román Rodríguez aludiu a que o Sistema Universitario Galego está vivindo fitos importantes como son a aprobación do novo Plan de Financiamento para o período 2016-2020, dotado de preto de 2.480 millóns de euros de achega pública; ou a consecución dun acordo histórico entre as tres universidades públicas para a impartición do grao de medicina. Estes son exemplos da folla de ruta para que Galicia conte cun sistema universitario forte, eficiente e que se modernice día a día.

No remate da súa intervención, o conselleiro felicitou os premiados e premiadas, así como ás súas familias e profesores, e animounos a seguir aprendendo no futuro.

En nome de todos os galardoados interveu Ana María Maestro Cortizas (grao en Dereito pola Universidade da Coruña), que destacou o importante papel que xoga a familia como un referente de esforzo, de sacrificio e do deber de facer as cousas ben. Así mesmo aproveitou para agradecer a dedicación e o compromiso do persoal docente das universidades e o apoio da Xunta de Galicia coa convocatoria destes premios. Por último falou o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, en representación das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Premiados

Dos premiados, 28 cursaron os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 20 na da Coruña (UDC) e 29 na de Vigo (UVigo). A puntuación máis alta corresponde a unha graduada en dereito da UDC, que obtivo unha nota media de 9,85.

Os premiados reciben unha dotación económica de 2.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción, o que supón un importante recoñecemento institucional, un valor engadido para o seu currículo, e un apoio económico.

Para seren beneficiarios dos premios os candidatos debían ter unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos, para alumnos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,50 puntos, para alumnos da rama de Enxeñaría e Arquitectura.