A Consellería de Cultura e Educación licita por un importe de 300.000 euros a reforma e ampliación do CIFP Ferrolterra
As obras teñen como finalidade mellorar as instalacións para impartir ciclos de Formación Profesional e representan unha aposta do Goberno galego pola modernización das infraestruturas educativas nesta comarca
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar por un importe de preto de 300.000 euros a reforma e ampliación do CIFP Ferrolterra, situado no centro urbano de Ferrol.
Esta actuación (cuxa licitación pode consultarse no enderezo webhttp://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20151228/AnuncioG0164-221215-000...) ten como finalidade mellorar as instalacións para impartir ciclos de Formación Profesional, e representa unha aposta do Goberno galego pola modernización das infraestruturas educativas na comarca de Ferrolterra.
As obras abranguen a reforma parcial do antigo ximnasio, na planta baixa, onde se procederá a unha mellor distribución do espazo dos tres talleres xa existentes, e se instalará unha ponte grúa nun dos talleres, así como un ascensor para facilitar a accesibilidade. Procederase tamén á ampliación da primeira planta, onde se construirán dúas amplas novas aulas deseñadas de tal xeito que se poidan transformar en catro aulas independentes. O conxunto da actuación -que terán un prazo de execución de tres meses a partir da formalización do contrato- significa actuar sobre unha superficie total de máis de 800 metros cadrados co fin de dotar a este Centro de Formación Profesional das instalacións axeitadas e renovadas para a docencia de FP.