O conselleiro de Cultura e Educación sinala, na presentación do ‘CREA S2i’, a especialización dos campus como unha acción fundamental para a mellora do Sistema Universitario de Galicia

Román Rodríguez explicou que este proxecto da UVigo contribuirá a reforzar a posición do campus de Pontevedra

Xov, 03/12/2015 - 20:45

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación do proxecto de especialización CREA S2i, a proposta de especialización do Campus de Pontevedra, da Universidade de Vigo. No acto participaron, ademais do titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, o reitor da UVigo, Salustiano Mato; e o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa.

Durante a súa intervención o conselleiro sinalou a especialización dos campus periféricos como unha acción fundamental para a mellora do Sistema Universitario de Galicia (SUG); e, en concreto, explicou que este proxecto do CREA S2i contribuirá a reforzar a posición do campus pontevedrés mediante o aproveitamento das súas vantaxes competitivas.

Román Rodríguez salientou ademais que esta iniciativa vai en concordancia coa estratexia de especialización dos campus periféricos que se está a desenvolver, e que xa ten a súa manifestación nos da Auga (Ourense), Terra (Lugo) e Industrial (Ferrol). O fin é diversificar e fortalecer o mapa universitario, ao tempo que se consolidan as capacidades estratéxicas da investigación galega. Así mesmo, o SUG conta con 2 campus de excelencia internacional, o Vida e o Mar.

Rede multidisciplinar baixo o foco da creatividade

Con CREA S2i a Universidade de Vigo quere converter o campus de Pontevedra no dinamizador dunha rede multidisciplinar e integrada de unidades de ensino, investigación e transferencia de tecnoloxía e coñecemento, en base ás súas vantaxes competitivas.Ademais, o proxecto busca aglutinar baixo una mesma identidade e imaxe de marca todas aquelas áreas de coñecemento nas que o campus da cidade do Lérez ten experiencia e capital humano, nomeadamente as de ‘Arte, comunicación e creatividade’, ‘Educación, innovación social e xestión pública’, ‘Deporte, saúde e benestar’, e ‘Medio ambiente e natureza’. O concepto común a todas estas disciplinas relaciónase coa acción de “crear” e “innovar”, entendéndoas como un proceso esencial para a resolución dos problemas e retos sociais, culturais e económicos mediante novas solucións innovadoras adaptadas á realidade.

Por outra banda, esta nova iniciativa procurará acadar un campus máis dinámico e conectado coa súa contorna, mediante o establecemento de sinerxias e liñas de actuación conxunta entre a Universidade de Vigo e o tecido empresarial, económico, social e cultural da provincia e as Administracións Públicas.