Román Rodríguez garante o reforzo da atención educativa domiciliaria mediante a asignación de todos os recursos necesarios seguindo os criterios dos especialistas
Tal como se establece no Protocolo que vén de pechar a Consellería, cada caso vai ser tratado dun xeito individual atendendo á situación sanitaria e educativa do neno ou nena en cuestión
O documento susténtase en catro piares básicos que son a asignación de todos os medios precisos, a incorporación de ferramentas tecnolóxicas, o reforzo da coordinación entre Educación e Sanidade, e a formación do profesorado que atende a estes alumnos
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, reiterou hoxe no Parlamento que o seu departamento garantirá todos os recursos humanos e técnicos necesarios para reforzar a atención educativa domiciliaria para o alumnado que -por prescrición médica- non poida asistir con regularidade e por un período prolongado de tempo ao centro docente no que está escolarizado.
En resposta a unha pregunta no Pleno da Cámara, o responsable de Educación do Goberno galego insistiu en que a asignación de recursos se fará atendendo a criterios de especialistas, en función das necesidades e as circunstancias de cada caso, sempre a partir dos informes médicos e de inspección, tal como se recolle no Protocolo de Atención Educativa Domiciliaria que vén de presentar a Consellería.
Plataforma individualizada
Fronte ás críticas por non establecer un número concreto de horas de atención educativa, Román Rodríguez argumentou que non se poden fixar de antemán na medida en que cada caso é diferente e, polo tanto, debe abordarse segundo a situación sanitaria e educativo da cada neno ou nena. De feito, hai un caso dun neno que está recibindo 15 horas semanais de atención domiciliaria xa que, ao seu problema de saúde, engádese a circunstancia de que ten necesidades educativas especiais. Por tanto será o profesorado de atención educativa domiciliaria quen elabore un programa individualizado para cada caso co fin de garantir o axeitado retorno do alumno á actividade educativa cotiá unha vez recuperado.
En Galicia a atención educativa domiciliaria contaba cunha regulación e un marco normativo moi similar ao de outras comunidades autónomas e, con todo, a Consellería de Cultura e Educación considerou necesario reforzar e actualizar a resposta da administración ante estes casos.
A partires de agora, o procedemento a seguir en cada caso será o Protocolo de Atención Educativa Domiciliaria que, segundo explicou o conselleiro, se articula en catro piares básicos que son a garantía na asignación de todos os docentes e os medios técnicos necesarios para atender os casos que se produzan; a incorporación de recursos tecnolóxicos; o reforzo da coordinación entre os departamentos de Educación e Sanidade e a articulación de accións específicas de formación do profesorado. Así mesmo, este Protocolo establece un prazo máximo de dez días o período que transcorra desde que se formaliza unha petición de atención educativa domiciliaria ata que se ofrece unha resposta por parte da Administración.