Cultura e Educación garante que as actividades deportivas e de educación física no IES Agra do Orzán se seguirán realizando con normalidade

O secretario xeral técnico lembrou que a orixe do conflito actual se remonta á época do Bipartito, posto que en 2006 o complexo deportivo pasou a ser xestionado por unha empresa privada, en cuxo contrato non se recolle a gratuidade de uso

Ven, 27/11/2015 - 20:50

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, garantiu hoxe no Parlamento que as actividades deportivas e de educación física no IES Agra do Orzán (A Coruña) se seguirán realizando con absoluta normalidade, así como nas mesmas instalacións e coas mesmas condicións que o resto dos institutos públicos de secundaria galegos.

Con motivo dunha pregunta en comisión do grupo parlamentario socialista, Jesús Oitavén explicou que o uso que todos os alumnos e alumnas do IES coruñés facían do complexo deportivo de Agra é un asunto que actualmente se atopa inmerso nun proceso xudicial entre a empresa concesionaria e a Fundación Deporte Galego, debido ás condicións nas que foi acordada a concesión.

Neste sentido, o secretario xeral lembrou que, desde 2001 ata 2006, este complexo deportivo foi xestionado directamente pola Fundación Deporte Galego, que se comprometía a facilitar o uso preferente e gratuíto dos pavillóns polideportivos en horario escolar aos centros de ensino público anexos ás instalacións que non contaran con elas.

Pero a partir de 2006 –tal e como lembrou– o goberno bipartito decidiu mudar a xestión, que pasou a mans dunha empresa privada. Segundo afirmou Oitavén, “esta concesión é a orixe deste conflito”, posto que no contrato non se recolle a gratuidade do uso das instalacións para os escolares.

Utilización do alumnado de FP

Neste contexto, e co obxectivo de dar un trato igualitario ao conxunto da comunidade escolar de Galicia e non discriminatorio para con outros rapaces e rapazas, a Consellería asume o custe da utilización que fai da piscina o alumnado do ciclo formativo de Técnico Superior en Animación de Actividades físico-deportivas, posto que resulta indispensable o seu uso para poder desenvolver correctamente a programación curricular do ciclo. Así mesmo, estes estudantes tamén poden empregar o polideportivo. Por outro lado, e tal e como se viña facendo ata o de agora, os demais alumnos e alumnas de todos os niveis educativos continúan a utilizar o pavillón polideportivo.

En todo caso, a Consellería está a traballar para solucionar os problemas do pasado, aínda que “en ningún caso podemos nin debemos asumir os custes dunha actividade deportiva que non forma parte da programación da materia de educación física en secundaria e que non se leva a cabo de forma ordinaria en ningún IES galego”, puntualizou Oitavén.