A Consellería de Cultura e Educación implanta por primeira vez neste curso un programa educativo sobre o patrimonio cultural galego

A iniciativa, enmarcada dentro do Plan Proxecta, vai dirixida a alumnos e alumnas de Primaria e ESO, e busca conciencialos sobre o respecto e a protección dos nosos bens

Vai na liña do establecido na nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, que incide en actividades específicas de difusión, promoción, protección e valorización do noso patrimonio no ámbito educativo

Dom, 29/11/2015 - 10:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de implantar por primeira vez neste curso académico un programa educativo específico sobre a difusión do patrimonio cultural galego denominado “Mirando polo Camiño”. A iniciativa, que se enmarca dentro do Plan Proxecta, ten como finalidade concienciar aos máis novos sobre o respecto e a protección dos nosos bens patrimoniais, empezando polo que existe na súa contorna inmediata como é o Camiño de Santiago.

Esta actividade vai na liña do establecido na nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, que contempla a promoción, no eido educativo, do coñecemento do noso patrimonio cultural así como o aprecio á súa protección e valorización como ferramenta para a convivencia e a cohesión social.

Súmase ademais a outras iniciativas sobre a difusión do patrimonio como son as materias de libre configuración autonómica que, ao abeiro da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) se imparten tamén por primeira vez neste curso. De feito, a día de hoxe preto de 700 alumnos de 16 centros de ESO cursan a materia “Paisaxe e Sustentabilidade”, e unha específica para Bacharelato que é “Patrimonio Artístico e Cultural de Galicia”.

Precisamente “Mirando polo Camiño” está dirixido principalmente a rapaces e rapazas que cursan Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e este curso participan nel un total de 285 alumnos e alumnas de catro centros educativos (o IES Arcebispo Xelmírez I e o IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago; o CEIP Santa María de A Fonsagrada; e o CPR Ntra. Sra. del Rosario, de Arzúa) .

Este programa está pensado para traballar co alumnado de maneira contextualizada sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico vinculado ao tramo do Camiño de Santiago no que estea emprazado cada centro educativo en cuestión. A través del introdúcense conceptos de protección, conservación, divulgación e uso sostible sobre o Camiño Francés, o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo, todos eles incluídos na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

Ademais de materiais de referencia para o profesorado, este proxecto educativo consta de tres secuencias didácticas que no primeiro bloque inclúen coñecementos sobre a historia do Camiño, o Camiño como Patrimonio Mundial e a súa conservación; un segundo bloque no que se realiza un inventario e un catálogo patrimonial do concello onde se atope o centro educativo; e un terceiro bloque onde se afonda nas ferramentas de protección patrimoniais. Cada un dos itinerarios didácticos leva aparellado diversas tarefas para os alumnos e alumnas.

Cómpre lembrar que o Plan Proxecta (que pode consultarse no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta) é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Educación en colaboración con distintos organismos autonómicos co fin de fomentar a innovación educativa nos centros mediante o desenvolvemento de programas de diferentes ámbitos, ao tempo que se propicia o traballo cooperativo e interdisciplinar.