Cultura e Educación garante que os menús escolares de cátering cumpren con todos os controis e requisitos de calidade e seguridade, igual que os dos comedores de cociña propia
O conselleiro Román Rodríguez subliñou que a Xunta actúa con rapidez e celeridade ante a confirmación dunha incidencia, tal como se demostrou agora coa resolución dos contratos a dúas empresas por incumprir os pregos de contratación
Rexeita totalmente que a Xunta prime o prezo sobre a calidade, xa que as esixencias dos menús son de obrigado cumprimento independentemente das ofertas económicas das empresas
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reiterou hoxe no Parlamento que os menús servidos en comedores escolares xestionados pola Xunta a través de cátering cumpren con todos os requisitos de calidade e de seguridade alimentaria, e están sometidos a rigorosos controis tanto por parte da inspección de educación como de sanidade, en igualdade de condicións cos que se serven nos comedores de xestión directa, con cociña propia.
O conselleiro aproveitou para lanzar unha mensaxe de tranquilidade ás familias, xa que -segundo dixo-, “a prioridade é sempre velar pola seguridade alimentaria e sanitaria dos menús escolares en todos os centros que xestiona”. Cando isto non é así, actúa seguindo as canles administrativas e legais establecidas, ben impoñendo sancións, ou, en función da gravidade das incidencias, procedendo á resolución do contrato. Así se demostrou hai uns días coa recente resolución dos contratos a dúas empresas por non cumprir coas condicións esixidas no contrato.
Así mesmo Román Rodríguez asegurou que é totalmente falso que a Xunta prime o prezo de licitación sobre a calidade dos menús xa que estes –independentemente das ofertas económicas que presenten as empresas- teñen que cumprir cunha serie de parámetros fixados en canto a condicións nutricionais, organolépticas, de gramaxe e de calidade establecidos na Guía de menús saudables da Consellería de Sanidade, que son innegociables. É dicir, que os requisitos de calidade establecidos deben cumprirse con independencia do prezo do menú que se presente á oferta. Tal como explicou o conselleiro, o prezo constitúe unha mellora que as Administracións Públicas teñen que considerar desde o punto de vista de xestión de fondos públicos, pero “non é o único indicador que se ten en conta no proceso de licitación”.
En Galicia sérvense un total de 10,5 millóns de menús escolares ao ano e neste curso hai unha oferta de 72.016 prazas de comedores escolares xestionados entre Consellería, Anpas e por concellos.
No que atinxe á Consellería, actualmente hai 302 de centros educativos de xestión directa (con 47.300 usuarios), e outros 133 comedores de xestión indirecta (a través de empresas de cátering) que dan de comer a 11.700 usuarios. Todos eles supoñen un desembolso de preto de 44 millóns de euros ao ano.
O volume e as características do servizo -sexa de xestión directa ou indirecta- fai que non estea exento da posibilidade de incidencias, pero o máis importante é detectalas e actuar coa máxima rapidez para intentar atallalas e solventalas.