Vázquez Abad empraza ao concello de Pontevedra a que remate dunha vez a cesión dos terreos para construír o CIFP Carlos Oroza
O conselleiro de Educación lembrou o firme compromiso da Xunta de realizar as obras do centro
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recordou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia vai construír o novo IES Carlos Oroza en Pontevedra, cuxas obras están a ser retrasadas pola falta de colaboración do Concello.
Neste sentido, Vázquez Abad lembrou que o pasado 17 de novembro de 2009 realizou unha visita institucional ao Concello de Pontevedra, ao longo da cal reiterou o compromiso da Xunta coa mellora dos espazos educativos na zona a través da construción do novo CIFP Carlos Oroza.
Ao día seguinte deste encontro fíxose público que o terreo cedido polo concello para o CIFP tiña un erro de tramitación urbanística no relativo aos metros cadrados cedidos á Consellería, o que está a retrasar a posibilidade de incrementar a oferta das familias profesionais de Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias.
Terreos sen titularidade da Xunta
Estes erros correspóndense aos metros que estarían adicados ao centro, polo que o conselleiro recordou na Cámara que “a Consellería leva un ano á espera de que o Concello de Pontevedra complemente a tramitación administrativa pola que se resolva a cesión dunha parcela de 646 metros cadrados para que poida ser unida á cedida no ano 2009 (de 3.012 metros cadrados), co que se disporá dos 3.658 metros cadrados precisos para afrontar a construción do novo centro”.
Polo tanto, e diante desta situación, Vázquez Abad dixo hoxe, respondendo a una pregunta formulada polo socialista Guillermo Meijón que “non puidemos iniciar a redacción do proxecto nin acometer as obras porque aínda non somos os titulares desa parcela. Aínda que temos o Acordo da Xunta de Goberno Local relativo á cesión da parcela de 646 metros cadrados, desde o 22 de xullo de 2010 estamos á espera de que o Concello entregue os documentos patrimoniais e resolva os reparos formulados pola interventora desa administración”. A isto o titular de Educación da Xunta engadiu que “a día de hoxe nos servizos centrais da Consellería non se ten constancia oficial de novidades ao respecto”.
Aclaracións
Tras todo isto o conselleiro sinalou que o fin deste debate iniciado polo señor Meijón “parece non ter moito que ver coa cuestión educativa”, e invitouno a falar co voceiro do seu grupo político no Concello de Pontevedra para que lle aclaren as cousas xa que “os responsables municipais recoñeceron en diferentes datas o “erro” do Concello ao non ceder dunha sola vez, como unha soa parcela, os terreos necesarios para construír o novo Carlos Oroza”.
O conselleiro de Educación rematou a súa intervención asegurando que “se non hai moita máis demora desde o Concello desexamos poder sacar a licitación a obra do CIFP en 2011”, cumprindo así un compromiso adquirido coa sociedade e que se está a ver retrasado por causas alleas á administración autonómica.